Maxia, música e emoción en directo co ciclo Música&Libros de Tomiño
• Continúa esta fin de semana no auditorio de Goián co Concerto do Socio da Agrupación Musical de Goián o sábado 18 e co ‘Rock “N” Roll’ do Mago Teto o domingo 19
Infogauda / Tomiño
Esta fin de semana a cultura vívese, escóitase e compártese. O Concello de Tomiño prepárase para unha nova cita co ciclo Música e Libros, unha proposta que fusiona concertos e literatura para ofrecer experiencias diferentes e abertas a toda a veciñanza ao abeiro da celebración do mes do libro este abril.
A programación desta fin de semana arranca o sábado 18 de abril ás 21.00 horas no Auditorio de Goián co Concerto do Socio da Agrupación Musical de Goián, unha noite pensada para desfrutar da música en directo e do talento local nun ambiente único e con entrada libre e balde.
O domingo 19 será a quenda da maxia con moito rock and roll coa chegada de Rock “N” Magic, un espectáculo do Mago Teto que mestura ilusión e clásicos do rock and roll nun formato sorprendente e familiar. A proposta conta coa participación de Fer Risco na batería e Mon Orencio na guitarra, nun show no que a música e a maxia se entrelazan para sorprender a públicos de todas as idades. O espectáculo comezará ás 17.30 h no auditorio de Goián con entrada a 5€ para persoas adultas e a 2,5€ para menores de 12 anos. As entradas estarán á venda en taquilla dende unha hora antes do inicio de espectáculo con pago en efectivo.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima á veciñanza a participar nesta fin de semana cultural e destaca que “este ciclo é unha oportunidade para achegar a música e a literatura a todos os públicos, creando espazos de encontro onde a cultura se vive en comunidade e en familia”. A rexedora subliña ademais que “cada concerto é unha porta aberta á imaxinación e unha maneira de seguir facendo de Tomiño un municipio dinámico, creativo e cheo de vida cultural”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario