A Deputación recomenda aumentar a vixilancia do mildio a partir de mediados da próxima semana malia non detectarse aínda as primeiras manchas
• O persoal técnico do Areeiro lembra que a especie de oídio que afecta o carballo non é a mesma que a da viña, polo que a súa aparición nestas árbores non debería preocupar
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, recomenda a vixilancia nas vides que xa recibiran tratamento anti mildio tendo en conta tanto as previsións para os próximos días (cese de precipitacións, aumento das temperaturas máximas e descenso das mínimas, e aumento das posibilidades de choivas a partir da metade da próxima semana) como pola fin do período de protección teórica dos funxicidas. Nas que non recibiran intervención, a vixilancia debe ser máis estrita, e é imprescindible manter ben segada a cuberta vexetal do solo naqueles predios coas plantas conducidas en formacións baixas.
A maioría das viñas xa recibiron o primeiro tratamento e quedan algúns predios e viñas abandonadas onde non se iniciaron, pero están sen manchas. Malia iso, xa houbo condicións de infección primaria e mesmo secundaria, e se a súa manifestación se freou foi por mor das temperaturas frescas. Ademais, os esporanxios que está a recoller o persoal de Areeiro son tamén baixos.
Areeiro tamén informa de que se está a percibir unha boa cantidade de acios por gromo, chegando ata catro: un dato sorprendente tendo en conta que a colleita da temporada anterior foi moi elevada. A meteoroloxía recente, coas temperaturas frescas e a falta de estabilización propias da primavera, provoca que a fenoloxía do albariño apenas variase respecto á semana anterior pero con lixeiros avances.
En canto ao oídio, nin se aplicaron tratamentos nin se detectaron síntomas, tampouco nas variedades máis susceptibles. Cómpre lembrar que a especie de oídio que afecta os carballos non é a mesma que a que afecta as vides, polo que a infección nestas árbores non debe preocupar. O momento de máxima sensibilidade é o inmediatamente anterior á floración, e aí si debe protexerse de non haber síntomas antes. Con todo, cómpre como sempre manter a vixilancia. Tampouco preocupan as avelaíñas do acio, con capturas reducidas de Lobesia botrana e ningunha de Eupoecilia ambiguella, nin outros parasitos ou incidencias agás a erinose en plantas illadas dalgunha variedade tinta tardía. Só nunha planta moi afectada se observaron os primeiros síntomas de patoloxías de madeira.
A nova información fitosanitaria do Areeiro inclúe recomendacións para o kiwi, destacando a necesidade de non descoidar os tratamentos fronte ás bacterioses para evitar danos sobre a futura floración (tendo en conta que xa están os botóns florais). Tamén para a bolboreta do buxo, sen avances significativos (as eirugas no laboratorio están en fase de crisálide sen nacer aínda ningún adulto) pero si coa necesidade de aumentar a vixilancia se suben as temperaturas máximas, como marcan as predicións.


Ningún comentario:
Publicar un comentario