16 de abr. de 2026

OIA

A igrexa parroquial de Santa María de Oia acollerá este venres o concerto “Aura Mundi” 

 E o acto de entrega dun órgano doado pola familia Barja

 O concerto, que terá lugar ás 18.00 horas con entrada libre, está organizado pola Asociación Coro de Voces Graves de Vigo


Infogauda / Oia

  A igrexa parroquial de Santa María de Oia será escenario este venres dun evento musical e patrimonial de especial relevancia coa celebración do concerto “Aura Mundi”, protagonizado polo prestixioso dúo formado por Leisbert A. Moreno e Edgar Dutary. A cita incluirá tamén a entrega en doazón ao templo dun órgano construído polo mestre organeiro José Barja Iglesias.  


Órgano construído polo mestre organeiro José Barja Iglesias
Foto: C.O.

 O concerto, que terá lugar ás 18.00 horas con entrada libre, está organizado pola Asociación Coro de Voces Graves de Vigo e forma parte dunha programación conmemorativa do VIII centenario da catedral de Tui. A iniciativa enmárcase no ciclo Ai Ondas, patrocinado pola Xunta de Galicia e no que colaboran diversas entidades, entre elas o Concello de Oia.  

 Leisbert A. Moreno, natural de Ecuador, é viceorganista titular do órgano Merklin (1880) da igrexa de San Luigi dei Francesi en Roma e desenvolve unha intensa actividade musical en diferentes espazos de referencia, como a basílica de Sant’Andrea delle Fratte. Pola súa banda, Edgar Dutary conta cunha destacada traxectoria internacional, sendo gañador de varias edicións do concurso “Roberto Leonardi” e actuando como solista con formacións como a Orquestra Sinfónica Nacional de Panamá ou a Orquestra de Vento do Conservatorio de Santa Cecilia. Ademais, é membro da Asociación Internacional de Tuba e Bombardino (ITEA) e forma parte do dúo de tuba e piano ContrastDuo.  

 Xunto ao dúo principal, integrado polo organista Leisbert A. Moreno e o tubista Edgar Dutary, o concerto contará coa participación do Ensemble Vocal Ángel Barja, conformando unha proposta artística de gran riqueza sonora.  

Doazón dun órgano de José Barja  

 Un dos momentos máis especiais da xornada será a entrega en doazón do órgano propiedade da familia Barja, construído en Vigo no ano 2005 por José Barja Iglesias, mestre organeiro e compositor. Trátase dun instrumento coidado con especial esmero polo seu creador, que o empregou nas súas propias composicións e que, a partir de agora, pasará a formar parte dos bens da igrexa de Oia.  

 Durante o concerto, o público terá a oportunidade de escoitar o son deste órgano, xa que será utilizado na interpretación de varias das pezas incluídas no programa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario