16 de abr. de 2026

PATRIMONIO

Os sambenitos da catedral de Tui expóñense en Ávila 

 Esta mañá foi inaugurada unha exposición itinerante na  Sala de Exposicións do Auditorio de San Francisco   


Un momento do acto de inauguración na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de San Francisco
Foto: C.T.

Infogauda / Ávila 

 Os sambenitos da catedral de Tui son pezas únicas que estes días se poden visitar en Ávila na exposición “Historia, Memoria e Infamia” que foi inaugurada esta mañá na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de San Francisco.   

 O acto contou coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; do alcalde de Ávila, Jesús Manuel Sánchez Cabrera; das concelleiras de Turismo de Tui, Ana Núñez, e de Ávila, Sonsoles Prieto; do comisario da exposición, Rafael Sánchez Bargiela; e do xerente da Red de Juderías Iñaki Echeveste.   

 Nese acto inaugural, Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, explicou que a exposición forma parte dos actos conmemorativos do 800 aniversario da consagración da catedral tudense. Unha exposición itinerante que destacou posúe “un altísimo valor porque os sambenitos son elementos únicos que recollen as penas que ditaba no seu momento a Inquisición”. Aproveitou para agradecer o compromiso da Red de Juderías, na figura do seu xerente, para poder levar a cabo esta exposición.  

 Pola súa parte o alcalde de Ávila, agradeceu poder contar na súa cidade con esta “tan interesante exposición”  que constitúe unha oportunidade para coñecer máis de preto os sambenitos da catedral da Tui” aos que referiu coma “obras únicas e exclusivas”.   

 En concreto a mostra está formada pola reproducción dos cinco lenzos con catorce sambenitos pintados procedentes do Museo Diocesano de Tui, xunto a paneis explicativos nos que se aborda que son os sambenitos, a presenza xudía na Idade Media, os cristiás novos, a presenza da Inquisición en Galicia e en Tui, e os procesos inquisitoriais.     

 Esta exposición itinerante comezou o seu percorrido en xaneiro e febreiro no Centro Sefarad-Israel de Madrid, e en  marzo en Llerena (Badaxoz), chegando agora a Ávila.   

 A mostra contribúe á difusión e posta en valor do patrimonio tudense, e en concreto do legado serfardí que a cidade atesoura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario