16 de abr. de 2026

O ROSAL

O Rosal camiña pola natureza cunha nova andaina interpretativa pola Senda dos Pescadores   

 Nova cita con este ciclo de andainas posto en marcha polo Concello o sábado 25 para percorrer o Río Carballas. De balde con inscrición previa  




Infogauda / O Rosal 

 Camiñar convértese nunha forma de entender o territorio. O Concello organiza xa unha nova cita coas súas andainas interpretativas, un ciclo de roteiros cos que aposta por un turismo sostible e de proximidade para descubrir o municipio desde dentro e poñer en valor o seu patrimonio natural, cultural e paisaxístico. 

 A actividade celebrarase o sábado 25 de abril coa Senda dos Pescadores do Río Carballas (Tamuxe), un percorrido lineal de 8 quilómetros, de dificultade baixa–moderada e sen desnivel que terá unha duración aproximada de tres horas. A ruta discorrerá polo sendeiro balizado que une a área de lecer das Aceñas coa praia das Eiras, á beira do río Miño e, durante o traxecto, as persoas participantes poderán gozar de espazos singulares como o muíño das Aceñas, a área recreativa do Tamuxe (antigo serradoiro), a ponte sobre o río ou a parroquia de San Miguel de Tabagón, nun itinerario que combina natureza, historia e paisaxe. 

 Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, o ciclo das andainas interpretativas “é unha gran ferramenta para coñecer e valorar o territorio. Por iso queremos que tanto a veciñanza como as persoas que nos visitan teñan a oportunidade de descubrir o Rosal con outra ollada, máis pausada e consciente, conectando co que somos e co que nos rodea”. A rexedora anima a todas as persoas interesadas a participar, lembrando que “estas andainas son tamén un espazo para compartir, aprender e desfrutar da nosa contorna en comunidade”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Deporte, José Carlos Martínez Crespo, subliña que “este tipo de propostas consolidan un modelo de turismo respectuoso, accesible e de calidade, no que o patrimonio natural convértese no eixo central da experiencia”. O edil sinala tamén que “as rutas interpretativas permiten poñer en valor recursos únicos do Rosal ao tempo que fomentan hábitos saudables e sostibles”. 

 A actividade contará con prazas limitadas, polo que será necesario inscribirse previamente a través do formulario habilitado na web municipal ou no Rexistro do Concello. Unha vez pechada a inscrición, as persoas participantes recibirán por correo electrónico toda a información práctica, incluíndo o punto de saída, recomendacións sobre roupa cómoda, comida e auga, así como a declaración responsable necesaria para participar.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario