28 de abr. de 2026

O ROSAL

Maio arrancará no Rosal cunha nova visita da unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue   

•  O autobús estará o vindeiro luns 4 de maio na rúa Ramón Franco de 16.00 a 21.00 h  




Infogauda / O Rosal 

 Maio arrancará no Rosal achegando de novo a súa pinga de solidariedade. Unha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) estará no concello o vindeiro luns 4 de maio coas portas abertas a todas aquelas persoas que desexen doar e deixar unha vez máis a súa pinga de solidariedade.  A unidade móbil estará na rúa Ramón Franco número 4, diante da sucursal de Abanca, de 16.00 a 21.00 horas. 

 Nos últimos días estaban baixas as reservas A+, 0+ e 0-, aínda que dende ADOS fan un chamamento a seguir doando de todos os grupos sanguíneos para mantelas para seguir atendendo a todas as necesidades que se presentan. Ademais, as persoas doantes poderán participar no sorteo de entradas e abonos para o festival O Son do Camiño.  

 Para poder doar, un proceso que apenas dura 10 minutos, debe terse máis de 18 anos e pesar máis de 50 kg. As persoas doantes deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É imprescindible levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento. 

 Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario