15 de abr. de 2026

TOMIÑO

Tomiño aspira a ser o primeiro concello de Galicia en cumprir os obxectivos ambientais da normativa europea de residuos  

•  O Concello implementará un modelo pioneiro e propio, deseñado tras anos de estudo e adaptado á realidade do territorio  

•  Presentou este novo modelo nunha xornada técnica con persoas expertas e representantes doutras experiencias innovadoras 

 

O proxecto foi presentado este martes no Espazo Isaura Gómez nunha xornada técnica que reuniu a persoas expertas en xestión de residuos e dereito ambiental

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Tomiño quere converterse no primeiro concello de Galicia en cumprir ao 100% os obxectivos ambientais da normativa europea na xestión de residuos. O Concello presentou este mércores o seu novo modelo, unha proposta pioneira, propia e adaptada ás características do municipio coa que aspira a adaptarse plenamente á normativa europea establece que para 2030 debe reciclarse o 60% dos residuos, o 65% no 2035.  

 Un novo modelo de xestión dos residuos que nace tras anos de análise técnica e planificación estratéxica e que permitiu definir un modelo propio, adaptado á realidade dun territorio rural e disperso como o de Tomiño e no que se priorizan solucións flexibles e diferenciadas segundo o tipo de núcleo. Como sinala a alcaldesa, Sandra González, para o Concello a xestión dos residuos “non é un tema accesorio, senón un dos eixos estratéxicos na acción de goberno porque é unha competencia plenamente municipal e pola incidencia que a xestión dos residuos ten no medio”. 

 O proxecto foi presentado este martes no Espazo Isaura Gómez nunha xornada técnica que reuniu a persoas expertas en xestión de residuos e dereito ambiental, como a catedrática da Universidade de Vigo Patricia Valcárcel e o especialista Carlos Pérez, ademais de representantes de experiencias innovadoras de referencia como a de Usurbil (País Vasco), a mancomunidade de Tentudía (Extremadura) ou Maia (Portugal). A sesión combinou análise normativa, intercambio de boas prácticas e reflexión sobre os retos que implica a transición cara a un novo modelo. 

Implementación progresiva 

 Marcado pola dispersión e á idiosincrasia como territorio rural, o modelo que incluirá solucións adaptadas á realidade territorial e social de Tomiño, “sen replicar solucións alleas, senón construíndo unha proposta propia, pensada desde aquí e para aquí, coa vontade de avanzar e posicionarnos como un concello referente e pioneiro neste ámbito”. 

 Cunha implantación progresiva nun espazo de entre dous e tres anos que irá tamén da man dun proceso de participación veciñal, este modelo propio contará con sistemas de recollida porta a porta nos núcleos rurais e Centros de Reciclaxe Integral Comunitarios (CRICs) con identificación de usuario nos espazos urbanos. Unha nova forma de entender a xestión na que tamén se prevé a posta en marcha dunha taxa xusta vinculada á xeración real de residuos da veciñanza. O novo modelo conta tamén co financiamento da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través das que se captaron 1,2 millóns e 162.000 euros respectivamente. 

 A rexedora subliñou que este proxecto “non é unha ocorrencia nin unha resposta improvisada, é o resultado dun traballo rigoroso e sostido no tempo, baseado na análise e na responsabilidade institucional. Somos conscientes de que o reto ao que nos enfrontamos é esixente porque marca un cambio profundo nos modelos anteriores, pero chega nun contexto ambiental no que debemos facer o posible por coidar a nosa contorna. Polo tanto falamos de obrigatoriedade de cumprimento, pero tamén de compromiso”.   

 O novo modelo enmárcase baixo a marca O Grilo Verde, unha identidade coa que o Concello busca impulsar unha transición ambiental participativa e consciente e que contará cunha imaxe propia simbólica como elemento de comunicación e sensibilización. A súa mascota é ademais unha sentida homenaxe a Carlos Taboada, ilustrador de Polo Correo do Vento recentemente falecido, que foi o deseñador do Griliño, o seu último traballo.  

 Desde o goberno local insisten en que este é só o inicio dun proceso complexo pero necesario, co que Tomiño pretende situarse á vangarda da xestión municipal de residuos en Galicia, combinando cumprimento normativo, innovación e adaptación ao territorio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario