O Concello da Guarda impartirá unha nova charla informativa sobre a compostaxe
• O próximo mércores, 22 de abril ás 20:00h no Salón de Plenos da Casa dos Alonso
Infogauda / A Guarda
O Concello da Guarda continúa coa súa aposta pola compostaxe cunha nova charla informativa que terá lugar o próximo mércores, 22 de abril ás 20:00h no Salón de Plenos da Casa dos Alonso.
A charla axudará as persoas veciñas que solicitaron un composteiro a coñecer mellor a súa función e uso, mais tamén está aberta a toda persoa que teña un composteiro ou queira saber máis sobre a compostaxe.
Ademais, realizarase unha demostración das biotrituradoras que o Concello da Guarda ten para o préstamos entre a cidadanía. Estas biotrituradoras permiten obter o propio estruturante a partir de restos de poda e que despois será clave para o correcto uso do composteiro.
O obxectivo é reciclar a materia orgánica para obter un abono de alta calidade que os participantes poden aproveitar nas súas hortas ou xardíns, ao tempo que reducen os custos asociados. Deste xeito apóstase pola economía circular ao tempo que contribúe a reducir a produción de residuos e lixo e a minorar as emisións de CO2 á atmosfera.
O Concello da Guarda segue a repartir composteiros de xeito gratuíto entre as persoas veciñas. Quen estea interesado en obter un composteiro, xa o pode solicitar a través do correo electrónico medioambiente@aguarda.es ou no teléfono 986 61 00 00.
Pola súa banda para o préstamo de biotrituradoras durante unha semana deberá facerse a solicitude a través da sede electrónica ou do rexistro presencial.
Estas accións contan coas axudas da Xunta de Galicia financiadas con fondos europeos– NextGenerationEU, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario