A Deputación patrocina por terceiro ano consecutivo O Gran Camiño, a proba ciclista que celebrará a súa última etapa este sábado cun percorrido entre As Neves e A Guarda
• Para o organismo provincial O Gran Camiño representa os beneficios que reporta á provincia a aposta polo deporte, pola organización de grandes eventos e polo turismo deportivo, aliñándose coa campaña “A túa meta, o teu destino”
A Deputación de Pontevedra patrocina por terceiro ano consecutivo O Gran Camiño, a proba ciclista que comezou este martes e celebrará a súa última etapa este sábado 18 de abril cun percorrido entre As Neves e A Guarda. O Gran Camiño enmárcase na aposta do goberno provincial polo turismo deportivo que marca a campaña “A túa meta, o teu destino” e representa os beneficios que reporta á provincia a aposta polo deporte, pola organización de grandes eventos e polo turismo deportivo.
Esta nova edición do Gran Camiño, proba que forma parte dos calendarios oficiais de competición tanto da Real Federación Española de Ciclismo como da Unión Ciclista Internacional, estenderase ata o sábado 18 de abril. Trátase dun evento deportivo de impacto internacional que conta con cinco etapas, partindo desde Portugal e pasando polas catro provincias galegas. A derradeira, que terá lugar o próximo sábado, disputarase entre as Neves e A Guarda, cun percorrido de máis de 170 quilómetros con final no Monte Santa Trega, o segundo lugar máis visitado de Galicia.
Para a Deputación de Pontevedra acoller eventos de relevancia internacional como O Gran Camiño é fundamental para avanzar no impulso do turismo sostible e descentralizado nas Rías Baixas, motivos polo que este ano o organismo impulsou unha campaña de promoción turística centrada no turismo deportivo: A túa meta, o teu destino. Para a institución, o deporte é un escaparate de Rías Baixas, con grande capacidade de atracción e poder para diversificar e desestacionalizar a actividade turística e económica.

Ningún comentario:
Publicar un comentario