16 de abr. de 2026

CULTURA

A Deputación de Pontevedra inaugura en Vigo a mostra ‘Utopías’, unha proposta artística que convida a reflexionar sobre o conflito entre o ideal e o factible 

 A exposición, aberta no Día Mundial da Arte, reúne obras de Cristina Fernández, Eva López e Rosa García na sede provincial do casco vello vigués ata o 25 de maio 


A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez e as tres artistas que dan forma á mostra: Cristina Fernández, Eva López e Rosa García
Foto: D.PO.

Infogauda / Vigo

 A sede de Vigo da Deputación de Pontevedra inaugurou este mércores, Día Mundial da Arte, a exposición ‘Utopías’, unha proposta multidisciplinar que convida ao público a mergullarse nun espazo de reflexión construído a partir de tres miradas artísticas que dialogan entre si. O acto contou coa presenza da vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e das tres artistas que dan forma á mostra: Cristina Fernández, Eva López e Rosa García. Ademais, o pianista Javier Otero Neira ofreceu unha pequena actuación musical.  

 A exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro 25 de maio, reúne o traballo destas creadoras, que propoñen un percorrido aberto que transcende o puramente contemplativo, invitando ás persoas visitantes a implicarse na interpretación das obras a través de linguaxes visuais, conceptuais e emocionais.  

 A mostra aborda a utopía non só como un ideal ou un anhelo compartido, senón tamén como un territorio complexo, atravesado por tensións entre perfección e erro, control e liberdade, ou entre o imaxinado e o posible. Neste sentido, as obras funcionan como dispositivos de pensamento que abren novas perspectivas desde as que observar a realidade.  

 O percorrido expositivo configúrase como unha paisaxe emocional na que luces e sombras conviven, reflectindo as decisións, aspiracións e límites da condición humana. Lonxe de ocupar un papel pasivo, o público é convidado a reconstruír o sentido do que observa e a formar parte activa do relato artístico.  

 Durante a inauguración, Luisa Sánchez salientou que “esta exposición é un exemplo do compromiso da Deputación de Pontevedra coa cultura contemporánea e coa creación de espazos que fomenten a reflexión crítica”. Ademais, subliñou que Utopías convídanos a cuestionar o mundo no que vivimos, a explorar as nosas aspiracións e tamén as nosas contradicións, nun diálogo constante entre o individual e o colectivo”.  

 A mostra poderá visitarse de luns a venres, en horario de 9.00 a 20.30 horas, na sala Maruja Mallo da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.  

 Esta proposta cultural compleméntase cos Obradoiros de Fotografía Intervida denominados ‘Paisaxes habitados’, que permitirán explorar novas formas de entender a imaxe. Mediante técnicas manuais, dixitais ou mixtas, as persoas participantes poderán xerar diferentes narrativas visuais e explorar a manipulación da imaxe como ferramenta conceptual.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario