11 de mar. de 2026

TOMIÑO

Arte urbana para captar a esencia de Vilameán  

  O muralista Sorus by Seek creou unha obra que homenaxea a natureza, a historia e as lendas da parroquia  

  A iniciativa continúa a aposta do Concello por actuar nos espazos centrais de todas as parroquias  


A obra, realizada polo muralista e ilustrador Sorus by Seek, especializado en natureza e animais, rende homenaxe á contorna rural da parroquia e á súa identidade. 
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A arte urbana sae dos centros urbanos de Tomiño para encher as parroquias, converténdose nunha ferramenta para poñer en valor e recuperar os espazos públicos para as persoas. Vilameán acaba de estrear un novo mural que converteu unha parede gris nun relato visual sobre a paisaxe, as tradicións e o valor do seu patrimonio natural e cultural da parroquia tomiñesa.  

 A obra, realizada polo muralista e ilustrador Sorus by Seek, especializado en natureza e animais, rende homenaxe á contorna rural da parroquia e á súa identidade. O mural representa a paisaxe agrícola de Vilameán e a ruta que ascende polos muíños do Porto ata chegar á coñecida Pedra Longa ou Moura, figura central da composición. A Moura aparece representada nun estado de calma e harmonía ca contorna, simbolizando a paz e a esencia do lugar, e cunha mazaroca de millo no abdome desvelando que o verdadeiro tesouro non é o ouro da lenda, senón o propio territorio, os seus campos de cultivo, os muíños, a historia, a veciñanza e o carballo centenario que se ergue detrás do mural. 

 Outro dos elementos protagonistas do mural é un gaio euroasiático, coñecido como o gardián do bosque pola súa capacidade de alertar ás demais aves ante o perigo, e incorpora unha referencia á fonte situada ao comezo da ruta dos muíños en lembranza da tradición local que atribúe á súa auga propiedades curativas. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “estas intervencións amosan que a arte non se limita aos núcleos urbanos, senón que actúa nos espazos centrais de todas e cada unha das nosas parroquias, como se fixo ata agora e se continuará facendo, como en Santa María de Tebra, levando color, identidade e orgullo a todos os recunchos do municipio. O mural de Vilameán é un exemplo claro de como a cultura e a natureza se unen para fortalecer a identidade das nosas parroquias”. 

 Con esta intervención, o Concello reforza o seu compromiso de levar proxectos culturais e de arte urbana a todos os recunchos do municipio, facendo visibles as súas parroquias, a súa historia e o seu patrimonio natural e creando espazos de orgullo e identidade compartida para a veciñanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario