Tomiño celebra o talento das súas comparsas
• O Concello recibiu a representantes de Luces de Tomiño, Estrelas da Noite e Ciklón para recoñecer o seu esforzo e os seus éxitos
Infogauda / Tomiño
A ilusión e a maxia do entroido de Tomiño ten nome propio: Luces de Tomiño, Ciklón e Estrelas da Noite. O Concello recibiu a representantes destas comparsas para recoñecer publicamente o seu arduo traballo, xa que cada ano dedican meses de preparación para encher a vila e toda Galicia e Portugal de cor, animación e alegría.
A recepción, celebrada no salón de actos municipal, serviu para agradecer “o esforzo constante e a ilusión que poñen en todo o que fan. Sen elas, o noso Venres de Foliada non sería o mesmo”, destacou a alcaldesa, Sandra González, subliñando que estas comparsas levan o nome de Tomiño con orgullo alá onde compiten.
Os resultados do seu traballo reflicten o seu nivel artístico. Estrelas da Noite fixo historia ao converterse na primeira comparsa de fóra da cidade de Pontevedra en gañar o Loro Ravachol, ademais de acadar o primeiro posto en Caminha, Noia, Padrón e A Estrada. Pola súa banda, Luces de Tomiño logrou o segundo premio en Nigrán, mentres que Ciklón conquistou o segundo posto na Coruña e o terceiro en Padrón.
“Son resultados que falan por si sos e que reflicten o enorme nivel artístico que temos no noso municipio”, engadiu a rexedora, destacando a creatividade, o compromiso e o papel fundamental destas comparsas para manter viva a tradición do Entroido tomiñés e a proxección de Tomiño máis alá das súas fronteiras.

Ningún comentario:
Publicar un comentario