O BNG leva á Deputación o seu rexeitamento aos parques eólicos previstos para a Serra da Groba
• O grupo nacionalista vén de presentar alegacións oficiais polas afeccións dos aeroxeradores e as liñas de evacuación en Oia, Baiona e Gondomar
Infogauda / Pontevedra
O BNG levará á Deputación de Pontevedra unha moción para que a Corporación provincial manifeste o seu rexeitamento formal contra os parques eólicos previstos na Serra da Groba. O grupo nacionalista defenderá a súa oposición frontal e contundente contra os proxectos enerxéticos no Pleno provincial pola súa afección aos concellos de Oia, Baiona e Gondomar logo de ter presentado alegacións oficiais e de desenvolver unha campaña nos municipios afectados e no Parlamento galego, poñéndose do lado da mobilización social.
Para o BNG a Serra da Groba constitúe un dos espazos montañosos atlánticos de maior valor do sur de Galicia, xa que acolle biodiversidade única, hábitats de interese comunitario, patrimonio arqueolóxico excepcional e un modelo de aproveitamento multifuncional do monte que compatibiliza actividades forestais, gandeiras, apícolas e turísticas.
Por iso, a formación nacionalista presentou alegacións oficiais na Consellaría de Medio Ambiente a principios de mes (o prazo de información pública vén de ampliarse até o 4 de maio) contra as instalacións previstas no monte. Rexeita tanto os aeroxeneradores como as liñas de evacuación, que afectarían aos concellos de Oia, Baiona e Gondomar. O Bloque advirte de que os novos proxectos supoñen a fragmentación de iniciativas anteriores semellantes e de maior tamaño (Torroña I, Merendón ou Albariño I) que xa tiñan informes ambientais desfavorábeis polos seus impactos críticos e irreversíbeis sobre a paisaxe, a biodiversidade e o patrimonio cultural. Pide que se resolva a inadmisión a trámite das solicitudes de autorización administrativa previa, de construción e do estudo de impacto ambiental conxunto por ser un novo intento de atentar contra “este espazo de alto valora natural”.
Os argumentos que xustifican a oposición a estes proxectos, subliña o BNG, están amplamente documentados. A formación nacionalista refire un impacto ambiental crítico, con afección a nove cursos fluviais, catro hábitats de interese comunitario e especies protexidas; agresións ao patrimonio natural, afectando ás Sobreiras do Faro, zona declarada EPIN e incluída no catálogo de árbores senlleiras de Galiza; ameazas ao patrimonio cultural, como os petróglifos da Cerradiña ou o Hórreo de Urgal, ademais da proximidade ao Camiño da Costa; prexuízos socioeconómicos, afectando ás mancomunidades de montes de Santa Cristina da Ramallosa, Burgueira, Viladesuso, Mougás e Belesar; falta de planificación territorial e enerxética; e inclumprimento da normativa.
Con estes motivos sobre a mesa, o BNG insta á Corporación provincial a manifestar o seu rexeitamento aos eólicos na Serra da Groba. Tamén considera necesario solicitar ao goberno galego que elabore, en colaboración cos concellos e as comunidades de montes afectadas, un Plan de Desenvolvemento Sustentábel que potencie usos compatibles coa súa conservación: turismo de natureza, gandaría extensiva, apicultura, recuperación do patrimonio etnográfico e arqueolóxico, e fomento do autoconsumo enerxético comunitario. O grupo nacionalista, así mesmo, subliña que é preciso iniciar de oficio o procedemento para a declaración da Serra da Groba como Espazo Natural Protexido e a súa inclusión na Rede Natura 2000.

Ningún comentario:
Publicar un comentario