XOEL PÉREZ MONTERO, ADELA RODRÍGUEZ VASCONCELLOS E AS IRMÁS NADIA E AINOA CONEJO BASCOY, A NOVA ESENCIA DO ATLETISMO TREGA DE TOMIÑO
Redacción Deportes / Tomiño
Son as últimas novas sementes que acaban de xerminar no viveiro da escola do Sociedade Atlética do Trega esta pasada fin de semana no Campionato Galego de pista cuberta Expourense, que non se cansa, tempada tras tempada, de descubrir e facer agromar novas promesas con talento no medio fondo e fondo que relocen a nivel galego.
A escola tomiñesa de base de medio fondo e fondo recolleu unha nova colleita de 4 medallas esta fin de semana no Campionato Galego de pista cuberta nas categorías sub10, sub12 e sub14. O viveiro non para de cultivar novas figuras tempada tras tempada, formando novos talentos e logrando grandes resultados grazas ao esforzo dos atletas e a dedicación do equipo técnico.
"Como equipo de base, uns veñen e outros se van; é lei de vida, pero o noso lema é implantar o ADN Trega na base, tanto neste deporte como en calquera novo camiño que emprendan, e os que se van lévano consigo. Ao mesmo tempo, as novas incorporacións chegan con ilusión e compromiso, garantindo a continuidade e o crecemento do proxecto", afirma o adestrador Javier Sierpes.
Xoel Pérez Montero, nacido en Tomiño, brillou nos 500 metros lisos sub14, conseguindo o subcampionato galego e, a pesar do resultado, mantén a 1ª posición na clasificación galega da tempada na súa categoría.
A guardesa Nadia Conejo Bascoy, tamén infantil, levou a medalla de bronce galega nos 1.000 metros lisos.
E en sub12, a guardesa Adela Rodríguez Vasconcellos fíxose coa medalla de bronce autonómica nos 1.000 metros lisos, logrando ademais a súa mellor marca persoal para pechar unha gran proba.
E pechando en sub10 (benxamín), Ainoa Conejo Bascoy non foi menos que a súa irmá, conseguindo outra medalla de bronce nos 1.000 metros lisos coa súa mellor marca persoal.
Felicidades a todos os atletas e adestradores, compoñentes do grupo de atletismo Trega (Tomiño), por conseguir nin máis nin menos que 9 medallas de Galicia no peche da tempada de pista cuberta, nos seus respectivos Campionatos de Galicia en pista cuberta esta tempada 2026, nas distancias de 500, 1.000, 1.500 e 3.000 metros, desde as categorías sub10, sub12, sub14, sub16, sub20 e absoluta, ademais de presenza nos campionatos de España.

Ningún comentario:
Publicar un comentario