17 de mar. de 2026

A GUARDA

O Concello da Guarda avanza na nova localización do Punto Limpo  

Será na paraxe de Areal, deixando a actual ubicación libre para as novas instalacións deportivas  


Vista dos terreos onde será ubicado o novo Punto Limpo do Concello de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 O Concello segue avanzando na nova localización do Punto Limpo da Guarda. Para iso, adquiriu uns terreos - de clase rústica, cuxo uso principal é agrario (prado) - na paraxe denominada Areal, na parroquia de Salcidos, con acceso rodado pola rúa Maceiras e dous camiños - un deles desde á intersección coa estrada PO-353, e outro desde Pintán - para poder comezar co traspaso do Punto Limpo a esta zona afastada de zonas deportivas e escolares.  

 O novo Punto Limpo permitirá aumentar a case o dobre a capacidade actual de tratamento de residuos. O obxectivo é mellorar a xestión dos residuos a nivel municipal.  

 Tamén se facilitará o acceso das persoas usuarias ao Punto Limpo, xa que contará cun percorrido circular pechado para que os vehículos entren e saian de xeito ordenado e podan deixar os residuos dentro das instalacións.  

 Así, a actual localización do Punto Limpo quedará libre para comezar as obras das novas instalacións deportivas na zona da Sangriña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario