17 de mar. de 2026

A GUARDA

A XUNTA DE GALICIA LICITA A SENDA PEONIL ENTRE A GUARDA E CAMPOSANCOS  

 O proxecto conta cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros e permitirá crear un itinerario seguro e continuo para peóns ao longo da estrada PO-352  

 A actuación contará cun prazo de execución de 8 meses e podería iniciarse a principios de verán 


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, co alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e membros do goberno municipal, e persoal técnico, na presentación  do anuncio da licitación dunha nova senda peonil na estrada PO-352, entre A Guarda e Camposancos
Foto: X.G.

Infogauda / A Guarda 

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o concello da Guarda para anunciar a licitación das obras dunha nova senda peonil na estrada PO-352, entre A Guarda e Camposancos, cun investimento de preto de 1,3 millóns de euros. 

 Esta actuación ten como obxectivo principal mellorar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade sostible nun treito no que actualmente non existen espazos adecuados para o tránsito de peóns, o que provoca unha convivencia insegura co tráfico rodado. A nova infraestrutura permitirá crear un itinerario continuo que conectará cos tramos urbanos xa existentes, favorecendo desprazamentos máis seguros e accesibles. 

 A senda discorrerá pola marxe dereita da estrada ao longo de varios treitos, cun ancho tipo de 2 metros, e contará cunha superficie total de máis de 5.200 metros cadrados. O proxecto inclúe tamén a execución de 11 muros de contención necesarios para adaptar o terreo, así como melloras no sistema de drenaxe mediante a instalación de novos sumidoiros. 

 Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia desta actuación para “dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza, mellorando a seguridade e permitindo que máis persoas poidan realizar desprazamentos cotiáns a pé  con garantías”. Ademais, subliñou que esta intervención “reforza a conectividade entre núcleos de poboación, servizos e espazos de interese, contribuíndo á mellora da calidade de vida”. 

 A senda facilitará o acceso ao núcleo urbano da Guarda, ao cemiterio e a unha zona de actividade industrial, converténdose nunha infraestrutura clave para a mobilidade diaria da veciñanza. Ademais, a súa execución terá en conta o valor paisaxístico e cultural da contorna, ao discorrer nun ámbito próximo ao Monte Santa Trega e á zona costeira. 

 O prazo de presentación de ofertas remata o 13 de abril e o prazo de execución das obras será de 8 meses e a previsión é que os traballos comecen a principios de verán. 

 Esta actuación está financiada pola Xunta de Galicia e enmárcase na súa estratexia de mellora das infraestruturas viarias, co obxectivo de incrementar a seguridade, promover a mobilidade sostible e garantir unha mellor conexión entre os núcleos de poboación. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario