O PSOE de Oia vota en contra da instalación dun punto limpo nas instalacións deportivas de Mougás e pide unha ubicación alternativa
Infogauda / Oia
Durante o último pleno municipal o Grupo municipal do PSdeG-PSOE de Oia votou en contra da proposta de instalación dun punto limpo nas instalacións deportivas de Mougás.
Desde o PSOE aclaran que non se opoñen á creación deste servizo no municipio, que consideran necesario, senón á ubicación escollida polo goberno local, que consideran inadecuada.
A concelleira socialista María Hortensia Villamarín Durán defendeu no pleno que situar esta infraestrutura nun espazo destinado á práctica deportiva e ao uso social pode xerar molestias e incompatibilidades coas actividades que se desenvolven habitualmente na zona.
Por este motivo, solicitou á alcaldesa que se estude unha alternativa que permita implantar o punto limpo nunha localización máis axeitada, garantindo tanto o correcto funcionamento do servizo como o respecto aos espazos públicos destinados ao deporte e á convivencia veciñal.
“O punto limpo é necesario para Oia, pero hai que facelo ben. Non todo vale nin calquera sitio é adecuado”, sinalan desde o grupo socialista.
Desde o PSOE de Oia insisten en que é posible compatibilizar a mellora dos servizos municipais cunha planificación responsable do territorio, tendo en conta as necesidades dos veciños e veciñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario