20 de mar. de 2026

TUI

Conversa con Marilar Aleixandre sobre o seu libro “As bocas cosidas” 

 Será o luns 23 ás 18 h no Espazo Sociocultural dentro da programación do 8M 




Infogauda / Tui

 A escritora Marilar Aleixandre estará o próximo luns, 23 de marzo, ás 18 h no Espazo Sociocultural para manter unha conversa sobre o seu libro “As bocas cosidas”. O acto forma parte da programación organizada polo Concello de Tui co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, baixo o lema “Dereitos, Xustiza e Acción, por e para todas”.  

 Marilar Aleixandre é poeta, tradutora, narradora, feminista e membro da Real Academia Galega dende 2017. Dona dunha das voces máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da literatura galega. Publicou diversos libros, como Mudanzas e outros velenos (2017); Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros (2017); A compañía Clandestina de Contrapublicidade (1998, Premio Álvaro Cunqueiro);  As malas mulleres (2021), Premio Eduardo Blanco Amor 2020 e Premio Nacional de Narrativa 2022); ou Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), xunto con María López Sández.   

 O luns presentará en Tui a súa obra “As bocas cosidas”, onde reconstrúe a vida de Antonio G., quen no 2010 emprende a búsqueda do seu curmán, soterrado nunha fosa común en Valencia. Un libro que profunda nas feridas herdadas, dando voz aos ecos do pasado, nunha atmosfera impregnada do peso do silencio e da memoria.  

 A autora manterá unha conversa con Paula Cabaleiro, comisaria da programación do 8M.

 A entrada é libre até completar a cabida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario