23 de mar. de 2026

CULTURA

DÍA DAS ARTES GALEGAS 2026 

CONFERENCIA “A FOTOGRAFÍA DE JOSÉ SUÁREZ NO SEU CONTEXTO” 

 Este martes 24 de marzo ás 19:30 horas terá lugar na Real Academia Galega de Belas Artes

 


Redacción / A Coruña

 Co gallo do “Día das Artes Galegas 2026” dedicado nesta edición ao fotógrafo e cineasta José Suárez, este martes 24 de marzo ás 19:30 horas terá lugar na Real Academia Galega de Belas Artes - praza Pintor Álvarez de Sotomaior, nº 1 (A Coruña) - a conferencia “José Suárez no seu contexto” que será impartida por Manuel Sendón, charla na que se realizará un percorrido pola fotografía de Suárez nos anos 30 en diálogo coas vangardas fotográficas (Nova Obxectividade, Nova Visión e constructivismo ruso), e cos traballos de Ksado e Ruth Matilda Anderson.   

 A súa fotografía nos anos 50 e 60 en relación coa obra de Virxilio Vieitez, Henri Cartier-Bresson, Werner Bischof e Tony Ray-Jones.   

MANUEL SENDÓN   

 Manuel Sendón (A Coruña, 1951) é fotógrafo, docente e investigador, unha figura esencial na fotografía galega contemporánea. Licenciado en Matemáticas e doutor en Belas Artes, foi profesor de Fotografía na Facultade de Belas Artes de Pontevedra entre 1993 e 2021. Xunto con X. L. Suárez Canal dirixe o Centro de Estudos Fotográficos e o proxecto Inédito, desde onde impulsou numerosas iniciativas de difusión e estudo da imaxe.   

 A súa obra expúxose amplamente en Galicia —en espazos como o Kiosko Alfonso, o Museo do Pobo Galego, o Museo do Mar ou o Centro Torrente Ballester— e tamén internacionalmente en Portugal, Reino Unido, Venezuela, México ou Brasil. Participou en importantes colectivas en institucións como o Museo Reina Sofía, o Museum of Contemporary Photography de Chicago, o Museum of Fine Arts de Houston, o CGAC ou o MARCO. A súa obra forma parte de coleccións como as do Reina Sofía, o Museo Marugame Hirai do Xapón ou o CGAC.   

 Publicou libros fundamentais como Tempos que hai neste tempo, Cuspindo a barlovento, Casas doentes, Derradeira sesión, Mil ríos ou Espantallos, ademais de colaborar en volumes colectivos e revistas especializadas. Como comisario, desenvolveu un labor decisivo en proxectos como a Fotobienal de Vigo, Vigovisións e numerosas exposicións dedicadas a fotógrafos históricos e contemporáneos, moitas delas con itinerancias internacionais.   

 É tamén autor de Imaxes na penumbra, obra de referencia sobre fotografía histórica galega, e coautor de diversas monografías publicadas nas coleccións Álbum e Do Trinque do Centro de Estudos Fotográficos.  

 O acto está patrocinado pola Xunta de Galicia; Deputación da Coruña; Concello da Coruña, vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Deputación de Ourense.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario