25 de mar. de 2026

OIA

O Concello de Oia vai realizar unha nova entrega de composteiros entre a veciñanza  

 Este xoves, 26 de marzo ás 19.00 horas no Centro Cultural de Pedornes




Infogauda / Oia  

 Dentro da súa campaña de compostaxe doméstica, o Concello de Oia realizará este xoves, 26 de marzo unha nova entrega de composteiros. A cita será ás 19.00 horas no Centro Cultural de Pedornes, no transcurso dunha sesión informativa na que as persoas participantes recibirán formación básica para comezar a compostar nos seus fogares.  

 Esta iniciativa permitirá que os veciños e veciñas con pequeno terreo poidan transformar os seus restos orgánicos en abono natural de alta calidade, reducindo así a cantidade de lixo que chega ao colector e contribuíndo a unha economía circular máis eficiente en Oia.  

 O Concello facilitará aos fogares participantes un composteiro de balde, formación e acompañamento, para garantir unha correcta posta en marcha e seguimento do proceso.  

 Nas próximas semanas celebraranse novas sesións en diferentes puntos do municipio, que serán anunciadas a través dos canais oficiais do Concello. A inscrición continúa aberta para aquelas persoas interesadas en participar na campaña e recibir o seu composteiro.  

 As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: oia.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do correo electrónico info@ocaminosostible.gal ou do teléfono 647 521 464.  

 Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Concello de Oia por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á veciñanza na redución e valorización dos seus propios residuos.

Obradoiros escolares  

 Por outra parte, e tamén dentro do programa oia.ocaminosostible.gal, o CEIP Mestre Manuel García acolleu recentemente un obradoiro de compostaxe e reciclaxe de aceite dirixido ao alumnado, co obxectivo de promover hábitos responsables na separación de residuos.  

 Durante a sesión, o público escolar participou en dinámicas prácticas e participativas orientadas a aprender a separar correctamente os residuos, identificar os materiais que poden ser reciclados, evitar erros comúns e comprender o impacto positivo que teñen os pequenos xestos diarios no medio ambiente. A través de xogos e exemplos próximos á súa realidade, os e as participantes descubriron que reciclar é sinxelo e está ao alcance de todos.  

 O Concello seguirá impulsando accións de educación ambiental ao longo do curso escolar, reforzando o compromiso municipal coa sustentabilidade e coa creación de hábitos saudables e responsables cara ao medio ambiente.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario