14 de set. de 2021

A GUARDA

A Xunta de Galicia deseña a mellora dos 156 miradoiros catalogados da provincia de Pontevedra para aumentar o seu valor paisaxístico  

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informa da publicación dunha guía monográfica sobre os 472 espazos inventariados en Galicia nunha visita ao Monte Santa Trega acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba 


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, e membros da Corporación Municipal guardesa, no Pico de San Francisco, un dos cumios do Monte Santa Trega

O documento, elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio, recolle as boas prácticas para a identificación, acondicionamento e potenciación do seu valor turístico e natural, así como as accións para o deseño de novos miradoiros  

“Estes puntos de visualización son un dos grandes atractivos da nosa comunidade, xa que temos un liderado neste aspecto pola orografía e a beleza da nosa terra e queremos obter o maior rendemento turístico e medioambiental”, explica o representante autonómico


Infogauda / A Guarda

    A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de publicar unha guía monográfica de boas prácticas que contempla e deseña a mellora dos 156 miradoiros catalogados e inventariados da provincia de Pontevedra co obxectivo de aumentar, a medio prazo, o seu valor paisaxístico.

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta publicación, que recolle diversas medidas de potenciación dos 472 espazos inventariados en toda a comunidade, nunha visita ao miradoiro central do Monte de Santa Tegra, un dos máis emblemáticos de Galicia, acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e outros representantes municipais.


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, o alcalde e membros da Corporación Municipal de A Guarda, no Monte Santa Trega, un dos lugares coas vistas máis espectaculares do planeta

 “Estes puntos de visualización son un dos grandes atractivos da nosa comunidade, xa que temos un forte liderado neste aspecto no ámbito nacional e europeo pola orografia e a beleza da nosa terra, polo que queremos obter o maior rendemento turístico e medioambiental ao tempo que protexemos, preservamos e potenciamos estes lugares tan impoñentes”, explicou o representante autonómico.

 Luis López explicou que esta guía, elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta no que supón a súa undécima publicación monográfica sobre a Paisaxe de Galicia, recolle as boas prácticas para a identificación, acondicionamento e potenciación do seu valor turístico e natural, con medidas concretas no que se refire aos accesos, mobiliario, sinalización e coidado. Así mesmo, tamén se concretan as pautas e as accións para o deseño de novos miradoiros, xa que a nosa comunidade conta con potencial para aumentar a oferta destes espazos, cada vez máis demandados polos galegos e os visitantes.

 “Temos unha enorme riqueza no que se refire aos miradoiros, que ademais son fundamentais na conformación da identidade do noso territorio, pero queremos mellorar as súas condicións e garantir a súa axeitada integración coa paisaxe, dependendo das súas características e estado, para o cal establecemos unhas liñas comúns”, detallou o delegado territorial, que concretou que as actuacións varían segundo a tipoloxía destes espazos, que se distribúen nas categorias de augas doces, costa, paisaxe agrícola, montaña, ceo nocturno, elementos patrimoniais, paisaxe urbana e paisaxe industrial.

 Finalmente, Luis López destacou o peso do sur da provincia de Pontevedra na relación dos principais miradoiros de Galicia, favorecido pola presenza de numerosos montes, do cauce do río Miño e da fachada cara ao Océano Atlántico. Así, ademais do Monte Santa Trega, tamén destacou outros da contorna como a Explanada do Horizonte, no Concello do Rosal, ou o Miradoiro de San Nomedio, nas Neves, entre moitos outros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario