21 de mar. de 2026

SALCEDA DE CASELAS

UNHA FERIDA ABERTA, MAL CURADA 

 Tralos resultados positivos das probas de ADN dos dous varóns localizados na primera fase da escavación da Foxa de Soutelo, realizada en xullo de 2025, entregáronse os restos ás súas familias nun acto realizado no mesmo adro da igrexa da parroquia de Soutelo, en Salceda de Caselas. 


Helena Pousa  

 Este 20 de marzo celebrouse un acto de entrega dos restos de Manuel Fernández Diz e Antonio Domínguez González ás súas familias. Estas dúas vítimas mortais, foron asasinadas nun monte próximo á igrexa da parroquia de Soutelo, en Salceda de Caselas, e alí no adro foron soterrados en setembro de 1936. Despois de 90 anos de silencio, por fin van poder recibir un enterramento digno cos seus nomes e apelidos. Grazas á memoria de varios veciños como Jesús González Estévez, coñecíase o lugar onde os enterraran, e grazas á posibilidade de facer as probas de ADN, puideron ser identificados. No acto de entrega participou o goberno do concello de Salceda, o antropólogo forense, Fernando Serrulla, o subdelegado do goberno en Pontevedra, Abel Losada, a presidenta da comisión pola RMH do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, Helena Pousa e a familia de Manuel Fernández Diz e de Antonio Domínguez.


Entrega dos restos de Manuel Fernadez Diz e Antonio Domínguez González, da Foxa de Soutelo (Salceda de Caselas)

 

 A identificación dos restos mortais non sempre é doada por motivos moi diferentes, mais. neste caso a investigación histórica, a memoria oral e a investigación científica foron xuntas da man. De todas as exhumacións realizadas coa axuda da FEMP en España en 2025, tan só se conseguiron identificar 4 varóns, e dous deles son os da Foxa de Soutelo. Tamén é algo novo en España pois é a primeira vez que actúa o novo Fiscal da Memoria, o que permitiu a realización das probas de ADN de maneira rápida e sen custos para as familias.

 No acto falou a alcaldesa de Salceda, tamén natural da parroquia de Soutelo, e comentou que o concello ten a obriga moral de participar neste tipo de actividades memorialísticas, ten que prestar toda a axuda posible, porque un concello non só se ten que dedicar a limpar as ‘cunetas’ para os días da festa do patrón, senón tamén limpalas do sangue derramado inxustamente. 

 Igualmente o subdelegado do goberno, Abel Losada, salientou o importante labor que fan os colectivos, as asociacións memorialísticas porque son os que levan adiante todos estes traballos e investigacións, que logo as institucións teñen a obriga de apoiar, especialmente a nivel económico.


Familiares das vítimas identificadas polo ADN  da Foxa de Soutelo recollendo os seus restos


 Na entrega dos restos, como derradeiro acto nos traballos dunha exhumación, estiveron presentes as familias dos dous varóns encontrados e identificados. O sobriño de Antonio Domínguez González agradeceu a devolución deste tío seu porque non sabían onde estaba soterrado. Tamén desde Buenos Aires veu Marta Fernández, máis coñecida como Gachi, sobriña-neta do outro varón encontrado, Manuel Fernández Diz. A identificación deste último foi posible grazas a que un forense de Buenos Aires recolleu  as mostras de ADN a dous irmáns de Marta. Tiveron que ir facelas a onde estivo a terrible Escola de Mecánica de la Armada (ESMA), un dos maiores centros clandestinos de tortura durante a ditadura militar arxentina. Segundo eles entrar alí aínda lles dá moitos arrepíos e nunca pensaron que algún día terían que ir a ese lugar maldito para axudar a identificar a seu tío avó Manuel, vítima mortal da ditadura española. 

 Marta Fernández tamén nos contou que ela sempre buscou datos sobre a súa familia galega e xa estivera en Tui para saber algo máis de seu avó Joaquín, que segundo a pouca información que del tiña, estivera agochándose debaixo dunha pavea de esterco (ela descoñecía o motivo) e conseguira fuxir como polizón nun barco para a Arxentina, e alí chegou en setembro, uns días antes de mataren a seu irmán Manuel. Para Marta, encontrar a este tío avó descoñecido axudoulle a completar a súa familia rota. Esta familia esgazada ao igual ca moitas outras, non marchou realmente emigrada por razóns económicas. Tras esta suposta emigración se oculta a  terrible realidade dun exilio encuberto.


Restos de Manuel Fernández Diz coas fotos dos seus pais e irmáns
Antonio D. Domínguez González por fin descansa en paz no panteón familiar

 A presidenta da Comisión que iniciou a solicitude desta exhumación explicoulles aos asistentes que á diferenza doutras vítimas da guerra civil, estes dous homes non son nada (re)coñecidos. A súa biografía resúmese en dúas liñas. Nin sequera se encontrou unha fotografía deles. Non acadarán á categoría de mártires da patria, non terán un lugar destacado na memoria colectiva, porque non hai ninguén que escriba o seu martiroloxio e os suba aos altares. Mais non por iso deixan de ser menos importantes ca outras persoas asasinadas na época, sobre as que xa hai unha chea de escritos. Estes dous mozos quizais fosen militantes activos dalgún sindicato, ou seguramente participaron na defensa de Tui nos combates mantidos polo Comité de Defensa da República na Volta da Moura, o lugar de maior enfrontamento coas forzas golpistas, antes de tomaren todo o Baixo Miño despois do día 26 de xullo. Non se sabe, só se pode supor. Ambos os dous están incluídos na extensa listaxe de vítimas mortais desta zona, máis de 680, un número que dá conta da terrible represión exercida de maneira impune polos golpistas aos que nunca se lles pediron conta. Menos mal que agora podemos solicitar a anulación dos falsos xuízos sufridos e recuperar a súa honra.  

 Tamén sinalou que unha vez entregados os restos ás súas familias para que lles poidan dar o derradeiro abrazo, poderase berrar de verdade e xustamente: Antonio, Manuel, REQUIESCAT IN PACE. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario