A mostra itinerante “A Camelia: flor das galegas e galegos” chega á Guarda
• A exposición inaugurarase este xoves, ás 18:00h na rúa do Porto, e estará ata o 6 de abril
Infogauda / A Guarda
O próximo xoves, 26 de marzo ás 18:00h na rúa do Porto, inaugurarase a exposición itinerante “A Camelia: flor das galegas e galegos”.
O acto de inauguración contará coa explicación da presidenta da Sociedad Española de la Camelia (SEC) Carmen Salinero Corral; co deputado provincial, Javier Tourís Romero; e co alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero.
Esta exposición permite achegarnos á historia das camelias, os seus coidados, os produtos derivados, a influencia na moda, artes ou gastronomía e os seus diferentes nomes. O obxectivo é dar a coñecer todos os secretos e curiosidades desta flor.
A exposición estará na rúa do Porto ata o próximo 6 de abril. Nos seus carteis informativos a cidadanía poderá descubrir a viaxe das camelias desde a súa orixe en Oriente ata converterse nunha das flores máis emblemáticas das Rías Baixas.
Esta actividade está organizada pola Sociedad Española de la Camelia e conta coa colaboración do Concello da Guarda, Camelia Galicia e a Deputación de Pontevedra.

Ningún comentario:
Publicar un comentario