25 de mar. de 2026

TUI

Tui consolida a súa aposta polas pequenas producións vitivinícolas

•   O sábado 4 e o domingo 5 de abril celebrarase a V edición do Encontro de Viños da Raia


O V Encontro de Viños da Raia foi presentado na praza da Inmaculada polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, xunto a membros do equipo de goberno e unha representación dos adegueiros e adegueiras que van participar no evento
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O Concello de Tui consolida a súa aposta polas producións vitivinícolas de pequenos produtores, caracterizadas polo coidado da terra, e por produtos diferenciados, de calidade e únicos, representativos deste territorio situado nas dúas beiras do Miño. Será no V Encontro de Viños da Raia, que se vai celebrar na primeira fin de semana das festas patronais de San Telmo, o sábado 4 e o domingo 5 de abril. Este evento converterase nun magnífico escaparate para estes viños e espumosos.  

 O V Encontro de Viños da Raia foi presentado este mediodía na praza da Inmaculada polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, xunto a membros do equipo de goberno e unha representación dos adegueiros e adegueiras que van participar no evento.  

 O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou que este V Encontro de Viños da Raia “está consolidando e medrando” engadindo que “ten a particularidade que tanto nos identifica coma é o seu carácter transfronteirizo” ao que se suma a posta en valor da produción local.  Referiuse tamén coma a recen remodelada praza da Inmaculada “será un espazo idílico para estas actividades”.  

 A concelleira de Turismo, Ana Núñez, destacou coma este Encontro de Viños da Raia naceu en 2021 co obxectivo de “darlle un impulso ao inicio das Festas de San Telmo” e tamén como “unha aposta clara polas producións vitivinícolas de pequenos e pequenas produtoras caracterizadas polo coidado da terra, por tratarse de elaboracións moi coidadas, diferenciadas é únicas, que representan á perfección a identidade deste territorio”.  Sinalou que este evento “reforza a idea de territorio compartido que é a raia” cunha cultura, unha tradicións e un xeito de traballar a terra compartido. Esta é “unha aposta por un modelo de produción ligado á calidade e á autenticidade”.  

 Interviron tamén Olalla Ruibal, da Adega Edmun do Val, e Pilar Rolán, de Adegas Rolán, en representación das adegas participantes agradecendo a oportunidade de poder dar a coñecer os seus viños e de afianzar as relacións entre adegas neste evento. Mentres o cociñeiro Ángel García detallou os dous petiscos que elaborará conservas da zona e outro con ostras que vai realizar na demostración gastronómica prevista para o domingo, na que tamén se poderá degustar a tarta de San Telmo, todo maridado con viños da Raia.    

 Nesta quinta edición van participar un total dezasete adegas situadas a unha e outra beira do Miño. Así participarán por parte galega as adegas tudenses Corisca e Quiñóns da Insua xunto a Adega do Ricón, Miguel Alonso Viticultor, Chan de Vide e Bodega Eido Novo, de Arbo;  Adega Pateira, Jorge Marcote Viticultor, Adega Xesteiro, e Adega Sergio Álvarez, do Rosal; María Bargiela de Salvaterra; Adega do Vimbio, de Tomiño, xunto ás portuguesas Adega Edmun do Val e Bodega Rolán, de Valença; Marcio Lópes, de Melgaço; Vinevinu, de Vila Nova de Famalicão,  e coma adega convidada participará Villa Seara de Bastos, da zona de Guimarâes.  

 O V Encontro de Viños da Raia comezará o sábado 4 ás 12 h coa inauguración oficial e apertura dos postos das dezasete adegas, nos que o público poderá degustar unha ampla selección de viños. Ao longo da xornada, os asistentes poderán participar en actividades paralelas como “Música & Viño”, dirixida polo experto en viños Juanjo Figueroa. Xa o domingo terá lugar unha demostración gastronómica con maridaxe a cargo do cociñeiro Ángel García,  de acceso libre pero limitada en número de unidades, pensada para explorar a harmonía entre gastronomía e viño.  

 Este ano na oferta gastronómica incorporarase a ostra xunto a outros produtos coma o xamón, empanada, queixos e conservas, entre outros.

 O horario de apertura dos postos os dous días será de 12 a 15.30 h e de 20 a 23 h.  

 O V Encontro de Viños da Raia porá en valor a riqueza e diversidade dos viños elaborados nas rexións fronteirizas entre Galicia e Portugal

Ningún comentario:

Publicar un comentario