11 de mar. de 2026

O ROSAL

Novo roteiro no Rosal para aprender a recoñecer a lingua das aves   

•  O Concello organiza o 22 de marzo unha ruta accesible e gratuíta pola Senda dos Pescadores para aprender a identificar aves mediante o seu canto. 

•  Necesaria inscrición previa 




Infogauda / O Rosal 

 No Rosal apréndese a escoitar á natureza. O Concello organiza o próximo domingo 22 de marzo a terceira edición do roteiro “A lingua das aves”, unha actividade pensada para todas as idades que permitirá aos participantes descubrir e identificar as diferentes especies de paxaros da contorna a través do seu canto. 

 O percorrido terá saída ás 10.00 horas desde o Parque do Tamuxe e rematará ás 13.00 horas na Área Recreativa das Aceñas. Trátase dun itinerario de aproximadamente un quilómetro, de dificultade baixa e totalmente accesible, que estará guiado por Lorena Franco, de Biophilia, e Manuel Sobrino (Manu), de El Naturalista Cojo, expertos no estudo da fauna local que acompañarán aos participantes durante toda a ruta. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “esta iniciativa non só nos achega á natureza e ao coñecemento da nosa contorna, senón que tamén fomenta o respecto pola biodiversidade e pola vida silvestre do municipio. É unha proposta accesible, educativa e moi enriquecedora para todas e todos”. 

 Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez, subliñou que “este roteiro é unha oportunidade única para sensibilizar á veciñanza sobre a importancia da conservación das especies locais e para desfrutar dun espazo natural tan singular como é a Senda de Pescadores e o río Tamuxe”. 

 As prazas son limitadas, polo que a participación require inscrición previa. As persoas interesadas poden solicitar información ou formalizar a súa inscrición chamando ao 986 625 000. 

 Con esta proposta, o Concello do Rosal continúa promovendo actividades de educación ambiental e ocio saudable, permitindo gozar da riqueza natural do municipio ao mesmo tempo que se aprende a observar e respectar o medio que nos rodea. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario