13 de mar. de 2026

O PORRIÑO

SOS Sanidade Pública A Louriña convoca unha manifestación en apoio ao Centro de Saúde e P.A.C. do Porriño 

A manifestación será o 17 de marzo ás 19.30h e sairá do Centro de Saúde ate o Concello do  Porriño

 


                         

Plataforma SOS sanidade Pública A Louriña

 A Plataforma SOS sanidade Pública A Louriña vén de convocar unha manifestación en apoio ao persoal médico do Centro de Saúde do Porriño e ao Punto de Atención Continuada -PAC-, así coma ás persoas doentes que xa non poden soportar unha situación que empeora co paso dos días.  

 Dende que o Centro de Saúde colgou o cartaz de que non había profesionais médicos a finais de xaneiro, na actualidade e xa pasados dous meses, a situación segue paralizada a pesares que, dende a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, anunciábase un reforzo de dous médicos para o PAC. 

 Mais unha mentira da Administración Galega para sofocar o lume, xa que esta medida nunca se fixo efectiva. Algunha vez, e de xeito illado, o persoal do PAC atópase na mesma xornada cun facultativo máis, sen previo aviso nin planificar. 

 Os dous únicos facultativos de garda por turno no PAC atópanse desbordados, xa que aínda non se cubriron todas as prazas de médico/a de familia que faltan dende xaneiro. 

 Na actualidade o Sergas di que non atopan médicos/as que queiran o turno de tarde no Centro de Saúde do Porriño, pero o persoal do sector sabe que no Porriño terá que asumir varios cupos das profesionais restantes. Se tivesen convocadas as 180 prazas que tiñan concedidas polo Ministerio de Sanidade, agora terían máis persoal médicos/as aos que recurrir.  

 O persoal médico actual do PAC do Porriño está a atender os cupos das persoas que non teñen médico/a asignada, así como as urxencias de Mos, Salceda e O Porriño, ou as urxencias con saída en ambulancia. Están a facer 100 servizos ao día, de luns a venres (de 15.00 a 08.00), e 180 na fin de semana (gardas de 24 h); convertíndose no segundo PAC con máis asistencias da área. Tanto en Ponteareas -que ten establecido reforzo os venres, sábados e domingos- como en Cangas, teñen equipos máis completos do que o temos na Louriña.   

 Asemade, dende a Plataforma SOS Sanidade Publica A Louriña, cremos que no Porriño precisamos cando menos dunha ambulancia máis, atende ao grande número de persoas traballadoras que se desprazan a diario aos polígonos industriais, e aos accidentes de tráfico con feridos que teñen lugar nas autovías A-55 e A-52, que atravesan O Porriño. 

 É por todo isto que se fai un chamamento á veciñanza, para que saia connosc á rúa a berrar ben forte que esta situación non pode continuar. O vindeiro martes 17 de marzo, concentrarémonos no Centro de Saúde do Porriño ás 19.30 h, para saír en dirección ao Concello do Porriño pola rúa Domingo Bueno, ate a Praza do Porriño.  

 Están a xogar coa nosa saúde e, xa que logo, coas nosas vidas. Sí a defender a sanidade pública e non ao seu desmantelamento a favor das privatizacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario