A MEMORIA QUE SANDA FERIDAS
Helena Pousa
(da Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, o Condado e a Louriña)
Ao mesmo tempo que se está a preparar a II Fase de Exhumación da Foxa de Soutelo chégannos os resultados das probas de ADN dos dous varóns localizados na primera fase da escavación, realizada en 2025.
En xuño do ano pasado realizáronse as primeiras escavacións no adro da igrexa de Soutelo (Salceda de Caselas). No lugar en que a memoria oral os situaba, foron encontrados os restos de dous varóns con claros signos de violencia. Fernando Serrulla, o antropólogo forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia encargado do levantamento e análise dos restos encontrados, enviou as mostras de ADN ao laboratorio para ver se cadraban con algúns dos parentes a quen lles tomara unha mostra.
Hai uns días, cando xa andamos a organizar a seguinte fase da escavación para localizar os 5 que faltan, notificáronnos os resultados positivos que, tal como sospeitabamos polos datos históricos investigados, confirman que son dous veciños das Bornetas en Tui. Conseguíronse identificar grazas á colaboración das súas familias que permitiron tirar mostras de ADN para poder cotexalas cos restos encontrados. Os identificados son Antonio Dalmiro Domínguez González, de 26 anos, e Manuel Fernández Diz, de 30 anos, ambos naturais de Tui.
O 20 deste mes faremos un acto en Salceda para lles devolver os restos aos seus parentes, que despois de tantos anos de silencio van poder darlles un enterramento digno cos seus nomes e apelidos. Grazas á memoria de xente como Jesús González Estévez, veciño de Soutelo, puidemos localizar onde os enterraran, e grazas á posibilidade de facer as probas de ADN, puideron obterse estes resultados positivos. A memoria oral e a investigación científica van da man e permiten sandar feridas abertas, mal curadas ao longo de tantos anos de medo e silencio impostos polo franquismo.
O CONCELLO DE SALCEDA VAI BOTAR A ANDAR UNHA NOVA FASE DE EXHUMACIÓN NO ADRO DA IGREXA DE SOUTELO PARA TRATAR DE LOCALIZAR A 5 HOMES MÁIS SOTERRADOS NUNHA FOXA COMÚN
Nesta primeira semana de febreiro socios da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña foron examinar o adro da igrexa xunto coa alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e o concelleiro de Cultura, Alejandro Rodríguez, para tratar de organizar os novos traballos que se van levar adiante nunha segunda fase para finalizar a exhumación da Foxa de Soutelo.
Esta foxa colectiva é unha máis entre as 12 localizadas no sur da provincia de Pontevedra. Entre todas elas suman unhas 181 vítimas. A abundancia de foxas nesta zona de Galicia non resulta estraño dada a saña con que os golpistas do 36 castigaron a poboación que se mantivo fiel á II República e a existencia de dous campos de concentración.
Nesta II Fase de Exhumación da Foxa de Soutelo, en Salceda de Caselas, buscaranse os restos de 5 homes paseados e soterrados no adro da igrexa, que non foron localizados na I Fase de escavacións na que apareceran só dous deles. Aínda faltan por localizar 5 homes máis. Catro eran veciños do Porriño (Severo Boente, José Cordal, Ramón Pérez e Leoncio Muíños), e o quinto, vivía no Torroso, en Mos (Modesto Barreiro Cubillos). Os traballos de escavación seguramente comezarán no próximo mes de abril.
Esta nova fase do proxecto vai ser subsidiada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) pois o goberno do Concello de Salceda de Caselas solicitou unha axuda económica a finais de 2025 dentro do “VI Plan de Recuperación de memoria Democrática 2025-2026”. A FEMP concedeu desta vez a contía de 12.500 euros de axuda para poder finalizar a Exhumación que se iniciou en xuño do ano pasado nun dos laterais do adro da igrexa. Agora teranse en conta o testemuño oral de Ramón Rodriguez, veciño da parroquia, e a documentación recollida polo historiador X.Ramón Paz Antón e o xornalista Julio Sigüenza.
Para a Comisión este proxecto supón un avance na recuperación da Memoria Histórica e na dignificación das vítimas. Sempre imos máis alá das investigacións e procuramos que, despois de tantos anos de medo e silencio, as vítimas desaparecidas na guerra civil poidan recibir un enterramento digno cos seus nomes e apelidos.


Ningún comentario:
Publicar un comentario