17 de mar. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés busca recuperar o bo camiño malia as baixas na súa visita ligueira a Elxe 

O equipo baixomiñoto visita este mércores (20.00 horas) ao Atticgo BM Elche no marco da xornada 23, buscando saír da súa serie de malos resultados 

A convocatoria, moi marcada polas lesións, volve ser de 12 xogadoras. Caen agora Elena Martínez e Lorena Téllez por problemas musculares no xemelgo, e tampouco puido viaxar Nerea Gil 

A deste mércores é a primeira dun total de tres citas que reunirán aos dous equipos, pois esta fin de semana e a seguinte Guardés e Elche mediranse en cuartos de final da EHF European Cup 

 


Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés busca recuperar as boas sensacións malia o mal momento do seu cadro de persoal. Este mércores ás 20.00 horas, as de Ana Seabra visitarán ao Atticgo BM Elche na primeira das tres citas que lle esperan co conxunto ilicitano nestas dúas semanas, ao que tamén se medirán tanto este sábado coma o vindeiro polo pase a semifinais da EHF European Cup. O cadro de persoal viaxou en avión este martes cun total de 12 xogadoras, caendo agora por lesións no xemelgo Elena Martínez e Lorena Téllez, e uníndose a elas Nerea Gil por imposibilidade loxística de sumarse á viaxe. 

 O equipo baixomiñoto chega ao partido no que probablemente sexa o seu peor momento da tempada ata agora. Ao cúmulo de malos e complicados resultados que arrastraba a pasada semana sumóuselle o domingo unha derrota moi dura de asumir no Derbi ante o Balonmano Porriño, marcada de novo pola falta de efectividade e de definición no ataque (18-27). Trátase da sexta derrota dun Guardés que segue a anotar por debaixo da súa media e, especialmente, a recibir moitos máis goles dos habituais (normalmente o conxunto anota preto de 24 goles por encontro e non encaixa máis de 22), polo que o grande reto este mércores será recuperar os seus números ante a mellor defensa da Liga. E o reto aínda maior será facelo co equipo humano tan minguado en efectivos como está. 

 Pois o motivo chave que explica estas anomalías ten que ver coas lesións. O pasado domingo, aínda que as altas de Ariana Portillo, Nerea Gil e Cecilia Cacheda deixaban a convocatoria completa por primeira vez en semanas, ningunha das tres sumou minutos por evitar que o seu primeiro contacto de volta coas pistas fose nunha situación de partido tan complexa. Isto deixou ao Mecalia xa co equipo curto, mais non supuxo nada novo con respecto ás xornadas anteriores, afeito xa a saír adiante con 12 xogadoras. 

 O problema, con todo, agravouse de xeito preocupante cando, apenas comezar o encontro, Elena Martínez comezou a acusar molestias nun xemelgo que lle impediron volver saír do banco. O mesmo sucedeulle a Lorena Téllez, que se mantivo algo máis de tempo xogando, pero rematou por retirarse igualmente. Como resultado, o anfitrión quedou con apenas 11 xogadoras sobre o 40x20 e só 10 a pleno rendemento, unha cantidade insuficiente para facer fronte a un Porriño que tiña tódolos ámbitos do xogo controlados. 

 Hoxe sábese que a lateral cubana sofre de problemas musculares por sobrecarga nun xemelgo, mentres que a de Mislata está á espera de probas médicas que poidan concretar o alcance da súa lesión. Ambas causarán baixa este mércores no Esperanza Lag, onde tampouco poderá estar Gil por non contar con billete para ela, aínda lesionada no momento de reservar os voos. Si puido viaxar de última hora Portillo, e tanto ela coma Cacheda xogarán este mércores para deixar algo de marxe para rotacións a unha convocatoria que volverá ser de 12 xogadoras; aportando algo de osíxeno nun calendario moi apertado estas semanas. O equipo saíu ao aeroporto do Porto este martes a primeira hora da mañá e tivo unha derradeira sesión de ximnasio esta tarde xa en terras ilicitanas. 

 As da Guarda terán que sobrepoñerse ás múltiples dificultades para facer fronte a un rival que chega nun momento igualmente irregular, marcado pola baixa por paternidade do seu adestrador da que xa se veñen recuperando. O Elche, en pleno ecuador da clasificación cun balance de dez vitorias, dous empates e dez derrotas, chega dunha caída ante o líder Rocasa a pasada xornada (24-19) e ante o Málaga unhas semanas atrás (22-27); ambas separadas por dúas vitorias ante Elda (21-22) e Porriño (22-18) e un empate ante o Aula (20-20). 

 Un historial non moi consistente, pero no que se mantén agás excepcións puntuais a súa característica máis perigosa: con pouco máis de 21 goles por partido encaixados, trátase da defensa máis forte da Liga, grazas a unha barreira moi atenta que completa a fereza baixo paus de Nicole Morales. Este mércores, así coma os vindeiros fins de semana no marco da competición europea, as de Ana Seabra deberán sacar de enriba o bloqueo de definición no lanzamento que levan arrastrando se queren ter algunha posibilidade de levar o triunfo. A última vez que ambos clubs se mediron foi na xornada 10, cando o anfitrión logrou impoñerse para deixar os dous puntos na Sangriña (20-17), novembro).  

Ana Seabra: “Aínda cos condicionantes que temos, queremos traballar e mellorar principalmente no ataque” 

 A adestradora do Guardés, Ana Seabra, afirma que un desprazamento a Elxe “sempre é difícil”, xa que “é un equipo que nos crea sempre moitas dificultades”, ademais de ser o que “encaixou menos goles na Liga”. Ao seu grande traballo defensivo a técnica suma a calidade do seu plantel, que ve coma “unha mestura de xuventude con experiencia” na que destacan “xogadoras que xa teñen algúns minutos sumados en partidos internacionais e con moito potencial”. Por todo iso, non será un rival nada sinxelo. 

 En canto ao momento do seu propio equipo, Seabra é coñecida pola súa filosofía de afrontar partido a partido, pero chegados a este punto non pode obviar a situación na que chegan as súas. En consecuencia, afirma que “temos obxectivos moi claros para este partido de Liga”, e que “aínda cos condicionantes que temos, queremos traballar e mellorar principalmente o noso traballo ofensivo”, todo iso coa misión derradeira de recuperar as boas sensacións e a confianza perdida nas pasadas xornadas de cara a un peche de liga regular máis forte e estable.  

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 23 

Atticgo BM Elche – Mecalia Atlético Guardés  

Mércores, 18 de marzo | 20.00 horas | Pavillón Esperanza Lag (Elxe) 

Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Club Balonmano Elche: 

https://www.youtube.com/watch?v=s6RxLUhoW6M

Ningún comentario:

Publicar un comentario