2 de mar. de 2026

DEPORTES

PIRAGÜISMO

SETE MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM  


Luís Fernández - no centro - medalla de ouro en C1 sénior masculino
 Alba Soutelo - á der. - medalla de bronce en K1 sénior feminino
Rita Olveira -. a esq. -, medalla de prata en K1 cadete feminino
Nerea Álvarez - á der. -, medalla de bronce en K1 cadete feminino
Rita Olveira, medalla de ouro en C1 cadete  feminino


Informa (fotos e texto): Rosa Fernández Carrera

 En Azenha de Pagade, na aldea de Covas, as augas do río Coura ofrecen unha paraxe e unhas condicións ideais para a práctica do slálom, cada ano o Club Deportivo Miño-Teixugos, xunto coas federacións portuguesa e galega de piragüismo, organiza nesta localización a Taça Ibérica de Slálom. Esta fin de semana preto de 150 piragüistas galegos e portugueses déronse cita na xa emblemática competición, exemplo de colaboración e convivencia.    


Representación do club Deportivo Miño- Teixugos na Taça Ibérica de Slálom
          

 O club Deportivo Miño- Teixugos acudiu cun total de trece palistas, moitos dos cales tiveron dobre participación, baixando en caiac e en canoa.  

 Na categoría sénior, Luís Fernández, dominou completamente en C1, ao gañar clasificatorias, semifinais e finais, facéndose coa medalla de ouro. 

 Tamén participou en K1, pero con peor sorte, chegou a semifinais, rematando décimo quinto.  

 Tamén en K1 sénior, pero feminino, Alba Soutelo superou clasificatorias e semifinais, e, xa na final rematou terceira acadando a medalla de bronce. Na mesma categoría Ainhoa Barreiro foi sexta.              

 En K1 júnior, Brais Álvarez Cambra, non acadou pase a final, pero rematou nun meritorio décimo posto.              

 En K1 cadete feminino a participación foi numerosa, Catalina Sánchez foi sexta, Beatriz Sánchez quinta, Leila Álvarez cuarta e Nerea Álvarez, terceira, e medalla de bronce, por tanto. As catro competiron tamén en C1, repetindo posicións.              

 En K1 cadete masculino Izan Vicente rematou sexto, Alejandro Barreiro undécimo, Iván Cruz décimo quinto e Leo Álvarez décimo sétimo.           

 Na categoría cadete feminino, Rita Olveira atreveuse coas dúas modalidades, acadando a medalla de prata en K1 e o ouro en C1.             

 En cadete masculino Lois Montenegro participou en K1, superando todas as probas e rematando finalmente segundo, levándose a medalla de prata.  

 Bos resultados para os teixugos con sete podios, dous ouros, dúas pratas e tres bronces; pero sobre todo bo tempo e bo ambiente para os amantes das augas brancas.  

 Na clasificación final por equipos, os de Tomiño, remataron sextos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario