26 de mar. de 2026

CULTURA

A Deputación de Pontevedra apoia a Agrupación Musical do Rosal con 15.000 euros para participar no World Music Contest de Países Baixos 

 A institución provincial impulsa a proxección internacional desta banda de música, que chegará a Kerkrade avalada polas súas máis de tres décadas de éxitos en certames nacionais e internacionais


O deputado de Cultura, Jorge Cubela, con membros da xunta directiva da Agrupación Musical do Rosal
Foto: D.PO.

Infogauda / O Rosal

 A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha subvención nominativa de 15.000 euros dirixida á Agrupación Musical do Rosal para apoiar a participación da súa banda de música no prestixioso Certame Mundial de Bandas, o World Music Contest (WMC), que se celebrará os días 1 e 2 de agosto do 2026 en Kerkrade, Países Baixos. Con esta colaboración, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu apoio ás agrupacións musicais da provincia e a súa aposta por proxectar o talento cultural galego máis aló das fronteiras.  

 O deputado de Cultura, Jorge Cubela, foi o encargado de comunicar esta concesión á agrupación, subliñando o compromiso da Deputación coas iniciativas culturais da provincia e a importancia de apoiar a difusión internacional do talento musical galego. “Estamos orgullosos de apoiar á Agrupación Musical do Rosal nesta aventura musical de altura. É un recoñecemento á súa traxectoria e unha oportunidade para que Galicia brille nos coñecidos como Xogos Olímpicos da música de vento”, declarou Cubela.  

 A banda, formada actualmente por máis de 80 compoñentes baixo a dirección de Javier Alonso Pérez, conta cunha longa e recoñecida traxectoria. Entre os seus logros destacan primeiros e segundos premios en certames galegos, nacionais e internacionais, como os Certames de Bandas Galegas, o Certame Internacional de Bandas “Ciudad de Valencia”, o Certame Internacional “Vila de Altea” e diversos certames provinciais, así como importantes premios individuais como o César Dios Diosiño 2012 ou o Premio da Música da Fundación Premios da Crítica Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario