MÚSICA E PALABRAS: UNHA PROPOSTA CULTURAL PARA Á CONVIVENCIA EN PAZ
• Este venres, 6 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos
Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos
Fronte a desoladora perspectiva que os mangallóns que moven os fíos do mundo están provocando na cidadanía de todo o planeta Terra, xerando fame, inseguridade, miseria, terror e vítimas inocentes, e todo o que iso conleva; reconforta que aínda subsistan iniciativas altruistas como "Música e Palabras".
Trátase, como xa temos referido en ocasións precedentes, dunha iniciativa cultural e social, xurdida en boa hora, no seo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos.
E como cada primeiro venres de mes, o próximo día 6 de marzo, a cantautora María José Baz Martínez, acompañada da súa guitarra, porá súa voz e súa música na Casa Cultural de Montes. Un espazo aberto á participación de todas aquelas persoas que o desexen e queiran achegar a regalía da súa presenza, recitando algúns poemas. Lendo algún relato curto, contando algunha anécdota,..., ou interpretando algún tema musical. Todo iso, de xeito totalmente desinteresado, compartindo o pracer de vivirmos en paz, gozando coa amizade e as boas vibracións.
"Música e palabras" sigue vivo. Así o vén de afirmar José Fernando Martínez Martínez, presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos. Iso é indicativo do éxito continuado desa grata actividade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario