17 de mar. de 2026

A GUARDA

A Gándara terá unha nova charla informativa sobre a compostaxe  

Será o luns, 23 de marzo, ás 18:00h na Casa da Asociación Veciñal do Percamino 



Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda continúa coa súa aposta pola compostaxe cunha nova charla informativa na Gándara, o próximo luns, 23  de marzo, ás 18:00h na Casa da Asociación Veciñal do Percamino.  

 A charla axudará as persoas veciñas que solicitaron un composteiro a coñecer mellor a súa función e uso, mais tamén está aberta a toda persoa que teña un composteiro ou queira saber máis sobre a compostaxe.  

 Ademais, realizarase unha demostración das biotrituradoras que o Concello da Guarda ten para o préstamos entre a cidadanía. Esas máquinas permiten obter o propio estruturante a partir de restos de poda e que despois será clave para o correcto uso do composteiro.  

 O obxectivo é reciclar a materia orgánica para obter un abono de alta calidade que os participantes poden aproveitar nas súas hortas ou xardíns, ao tempo que reducen os custos asociados. Deste xeito apóstase pola economía circular ao tempo que contribúe a reducir a produción de residuos e lixo e a minorar as emisións de CO2 á atmosfera.  

 O Concello da Guarda segue a repartir composteiros de xeito gratuíto entre os veciños e veciñas. As persoas interesadas en obter un composteiro, xa o poden solicitar a través do correo electrónico medioambiente@aguarda.es ou no teléfono 986 61 00 00.  

 Pola súa banda para o préstamo de biotrituradoras durante unha semana deberá facerse a solicitude a través da sede electrónica ou do rexistro presencial.  

 Estas accións contan coas axudas da Xunta de Galicia financiadas con fondos europeos– NextGenerationEU, a través do Ministerio para a Transición Ecológica, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario