Preto de vinte persoas participan nunha xornada de voluntariado ambiental no Monte Trega
• Organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda
Redacción / A Guarda
Preto de 20 persoas participaron na xornada de voluntariado ambiental no Monte Trega, organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda, a pesar da choiva ao comezo da tarde, que non impediu o desenvolvemento das tarefas previstas.
Antes de iniciar os traballos, as persoas participantes recibiron unha pequena charla formativa sobre a especie invasora Crocosmia, na que se explicou a súa orixe, o seu comportamento expansivo e o impacto que provoca nos ecosistemas locais. Durante a actividade tamén puideron comprobar a dificultade que presenta a súa erradicación, xa que se trata dunha planta con gran capacidade de reprodución a partir dos seus bulbos.
A pesar destas dificultades, grazas ao traballo colectivo logrouse eliminar a presenza da especie nunha superficie aproximada de 2.500 metros cadrados, contribuíndo así á recuperación ambiental dunha zona do monte comunal.
Desde a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda sinalan que as tarefas de control e eliminación desta planta continuarán en vindeiras edicións de voluntariado, co obxectivo de frear o avance desta especie invasora nos terreos do Monte Trega.
En todo caso, a xornada permitiu mellorar o estado do monte, que quedou nunha situación mellor que o día anterior grazas ao esforzo e compromiso das persoas voluntarias.
A actividade rematou cunha merenda de convivencia ofrecida pola Comunidade de Montes da Guarda como agradecemento á participación e ao traballo das persoas asistentes.



Ningún comentario:
Publicar un comentario