A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda organiza unha xornada de voluntariado ambiental no Monte Trega
• O vindeiro sábado, 14 de marzo, ás 15:30 horas, con punto de encontro no Parque do Cancelón
Infogauda / A Guarda
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda organiza o vindeiro 14 de marzo unha xornada de voluntariado ambiental no Monte Trega centrada na eliminación de flora exótica invasora. A iniciativa pretende mobilizar á veciñanza para colaborar activamente no coidado e conservación dun dos espazos naturais máis emblemáticos do municipio.
Nesta ocasión, os traballos centraranse especialmente na erradicación da crocosmia, unha planta orixinaria da rexión do Cabo, en Sudáfrica, introducida en Europa como ornamental e que na actualidade se está a expandir con rapidez polos terreos comunais. A súa presenza ocupa xa amplas zonas do monte e aumenta ano tras ano, converténdose nun novo problema ambiental ao desprazar a vexetación autóctona.
Con esta actividade, a Comunidade de Montes busca implicar á cidadanía na protección do patrimonio natural, fomentando a participación directa na conservación do monte comunal e na loita contra as especies invasoras.
A xornada comezará ás 15:30 horas, con punto de encontro no Parque do Cancelón. Recoméndase ás persoas participantes traer luvas e ferramentas de traballo (laia, picocha, aixada ou sacho). Por motivos organizativos, solicítase non acudir con mascotas.
Ao remate da actividade, haberá un pequeno momento de convivencia con música, comida e bebida para compartir entre as persoas participantes.
A inscrición está aberta ata o 12 de marzo a través do correo electrónico montesdaguarda@gmail.com ou do teléfono 634 121 984.
A Comunidade de Montes da Guarda anima a toda a veciñanza a participar nesta xornada e sumar esforzos no coidado do Monte Trega.

Ningún comentario:
Publicar un comentario