12 de feb. de 2026

TUI

O PP DE TUI ESÍXELLE AO GOBERNO QUE GARANTA O AXEITADO FUNCIONAMENTO DO SERVIZO DE RECOLLIDA DE LIXO TRAS SUBIR O RECIBO UN 300% ATA SITUALO ENTRE OS MÁIS CAROS DA PROVINCIA 

• Os populares pídenlle ao alcalde que “abandone as excusas” polos problemas ferroviarios causados polo seu propio partido e artelle as solucións necesarias para un mantemento diario e axeitado da retirada dos residuos, xa que é un servizo municipal e básico 

• “Cando quere aplicar controvertidas ocorrencias como as cámaras actúa con celeridade, incluso saltándose os prazos administrativos, pero para resolver os problemas sempre apela á comprensión dunha cidadanía que comeza a estar moi cansa”, manifestou Nico Montes 


Nico Montes, voceiro municipal do Partido Popular

Infogauda / Tui

 O grupo municipal do PP de Tui vén de esixirlle ao goberno de Enrique Cabaleiro que artelle as solucións necesarias para garantir un axeitado funcionamento do servizo de recollida de lixo ante a situación de provisionalidade do sistema anunciada polo executivo e os posibles problemas polas incidencias na estación de tren de Guixar. 

 Os populares cren que o Concello “está a poñer a venda antes da ferida” e pídenlle ao alcalde que “abandone as excusas” ante futuras deficiencias na recollida polos problemas ferroviarios para o traslado do lixo de Tui á planta de Sogama que está a causar o propio PSOE desde o Goberno de España pola desastrosa xestión da rede de trens. 

 O voceiro municipal, Nico Montes, valorou positivamente se haxa unha situación transitoria de traslado do lixo con camións municipais, pero calificou de “inadmisible” que o propio goberno advirta de que posiblemente non se poida soster no tempo e que haxa restriccións na recollida dos residuos se persisten os problemas ferroviarios. 

 “O goberno non pode apelar á comprensión da cidadanía se non se pode recoller o lixo todos os días, porque queremos lembrarlle que aplicou unha suba desorbitada desta taxa, de máis do 300%, ata situala entre as tres máis caras da provincia. Así, dado que as vivendas pagan unha cifra estratosférica de entre 150 e 200 euros anuais e os negocios non baixan de 500 euros, teñen dereito a recibir un servizo de calidade e sen excusas”, manifestou o concelleiro do PP, que esixíu que se garanta a recollida diario e o traslado a Sogama “polo sistema que o alcalde considere máis convinte”, xa que se trata dun servizo municipal e básico. 

 Nico Montes tamén lamentou o dobre raseiro do rexedor, xa que estivo a queixarse da suba do canon de Sogama “malia que foi derivada do sectario imposto á incineración aprobado polo Goberno de España”, pero non se lle escoita nin unha mínima reclamación ao Ministerio de Transportes por este problema que afoga o servizo de recollida de lixo da cidade. 

 “Cando quere aplicar controvertidas ocorrencias como a implantación de cámaras o alcalde actúa con celeridade, incluso saltándose os prazos administrativos, sen excusas e adicando unha chea de cartos, pero para resolver os problemas, como o aparcamento público, os desprendementos nos casco histórico ou agora o do lixo sempre apela á comprensión dunha cidadanía que comeza a estar moi cansa”, concluíu o voceiro municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario