Unha ducia de premios para recoñecer ao mellor deporte tomiñés
• Uxía Rodríguez e Pablo Durán, mellores deportistas absolutos na IX Gala do Deporte de Tomiño
• A II San Silvestre Tomiñesa acadou o galardón ao mellor evento deportivo e Protección Civil de Tomiño á institución colaboradora co deporte
Infogauda / Tomiño
A Gala do Deporte de Tomiño reuniu un ano máis á gran familia deportiva local nun evento marcado pola emoción, o recoñecemento e a celebración colectiva do excelente momento que vive o deporte no municipio. A cita converteuse nun espazo de encontro para deportistas, clubs, entidades e veciñanza, poñendo en valor o traballo realizado ao longo de todo o ano e reforzando o papel do deporte como ferramenta de cohesión social, saúde e participación comunitaria. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “a Gala do Deporte é unha oportunidade para recoñecer publicamente o esforzo silencioso de moitas persoas que fan medrar o deporte cada día, desde as bases ata o alto rendemento, e para poñer en valor o papel do deporte como elemento clave para construír comunidade”.
O evento, dirixido polo presentador Terio Carrera, contou coa música en directo de Terapia de Grupo, que puxo banda sonora a unha noite chea de momentos especiais, e coa presenza dun referente do deporte como Iván Raña, que este ano se acercou a acompañar ás e aos deportistas tomiñeses neste día tan especial. Como salientaba o concelleiro de Deportes, Rubén García, “o máis importante desta gala é que representa todo un ano de traballo, ilusión e compromiso por parte de deportistas, clubs e familias, demostrando que o deporte tomiñés está vivo, medra e segue avanzando con forza”.
Durante a gala recoñeceuse o compromiso de Protección Civil coa seguridade nas probas deportivas locais co premio a institución colaboradora co deporte, así como o labor de entidades que fomentan o deporte que recaeu en clubs de nova creación como Pickleball Tomiño e o Club de Patinaxe Royal Tomiño. A II San Silvestre Tomiñesa foi distinguida como mellor evento deportivo, mentres que o equipo de tiro con arco Arco Trasno recibiu o premio a inclusión no deporte.
Tamén houbo mencións especiais para o Tomiño Feminino pola incrible tempada que realizaron, para Miro Gómez, que representa a todas esas persoas que traballan para que o fútbol de afeccionados non perda a súa esencia; e para Melisa Lorenzo, copilota de rally que realizou unha fenomenal tempada 2025. Ademais, realizouse o recoñecemento a Daniel Costa, como mellor adestrador, e ao Club Deportivo Miño Teixugos, como mellor club base. O talento emerxente destacouse co galardón a mellor promesa masculina para Lois Montenegro e mellor promesa feminina para Nerea Álvarez, o futuro do deporte está nas súas mans.
No apartado de máximos recoñecementos individuais, o futbolista do Real Club Celta Pablo Durán foi elixido mellor deportista masculino absoluto, convertido xa nun dos grandes nomes do deporte tomiñés, mentres que Uxía Rodríguez repetiu por segundo ano como a mellor deportista feminina absoluta, recoñecendo así o seu esforzo, dedicación e resultados. Estes galardóns puxeron o broche final a unha gala que simboliza o bo estado do deporte en Tomiño, unha comunidade que ao longo do ano vive o deporte con intensidade e que nesta cita anual se reúne para celebrar e compartir os seus éxitos colectivos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario