Rondallas: pechando o círculo
Xurxo González / Proxecto Socheo
Estreouse no Nadal a última película de Sánchez Arévalo, Rondallas. Unha data de lanzamento estratéxica que, sen dúbida, contribuíu a ter certo impacto na billeteira. Cómpre salientar a súa condición de filme familiar: unha proposta capaz de reunir xeracións arredor dunha experiencia compartida, coa promesa dun entretemento amable e dunha tarde agradable no cinema. Alá fomos.
No noso caso, había un aliciente engadido: A Guarda, a miña vila natal, convertíase no escenario principal da historia. Vivir na emigración intensifica inevitablemente a saudade, e por iso a escolla desta película naceu tamén do desexo de recoñecer na pantalla grande un espazo propio. Un Carranque de Ríos en toda regra. A Guarda aparece no 90 % da metraxe, e faino cun protagonismo visual incuestionable, especialmente nas imaxes do porto. A súa disposición en anfiteatro permítelle á cámara construír planos de gran potencia estética: xogos de luz, angulacións coidadas, eleccións de distancia focal que transforman o perfil da vila nunha especie de escenario teatral, subliñando a idea de localidade en riba do mar. Non custa admitir que A Guarda aparece máis fermosa do que é na realidade. O feísmo arquitectónico, tan característico, é reinterpretado aquí dun modo abstracto e simbólico, dotándoo dunha presencia que, se ben non é fiel ao detalle, resulta cinematograficamente eficaz.
Outro aspecto central é a cuestión idiomática. A película pedía, de maneira natural, estar rodada en galego. Calquera outra opción resulta, cando menos, moi moi discutible. É probable que o equipo creativo fose consciente diso, e dobráronse ás esixencias da mercadotecnia impoñendo unha solución intermedia: un castelán con acento da contorna. Este punto xerou numerosas críticas, e con razón. Con todo, como falante nativo da zona do Baixo Miño, debo dicir que esa maneira de falar non é tan allea á realidade: un español impregnado de entoacións e estruturas galegas do lugar. Nótase que houbo certo asesoramento lingüístico. O problema é que para quen non pertence á zona, esta fala pode parecer unha caricatura, un estereotipo que roza a burla e que remite ao vello imaxinario de “Xan das Bolas”. A intención pode ser realista, pero o efecto corre o risco de ser paródico.
No plano xenérico, Rondallas preséntase como unha dramacomedia destinada a “facer sentir ben”. Insírese nunha tradición de filmes con historias de superación colectiva, cunha competición artística ou deportiva como motor narrativo, onde unha comunidade afronta un conflito e sae reforzada. Aquí, o “mal” non está explícito, é a memoria traumática dun naufraxio que deixou unha ferida aberta. A idea é suxestiva e intelixente como punto de partida dramático, pero a súa resolución resulta pouco verosímil para unha vila mariñeira: descubrimentos repentinos, cambios de opinión apresurados, redistribucións de culpas que parecen pensadas máis desde fóra que desde dentro da lóxica comunitaria real. O mesmo ocorre con outros conflitos secundarios: as autolesións do mozo, a marcha a estudiar a unha universidade estranxeira… elementos graves e complexos que aparecen tratados con certa lixeireza, como simples resortes narrativos.
Este maniqueísmo queda parcialmente atenuado polo pretendido carácter coral da película. Catro tramas (musical, drama, romance e humor) entrelázanse con ritmos distintos e a montaxe as alterna con habilidade. O elenco, maioritariamente galego, funciona con solvencia, aínda que o humor é directo, pouco sutil, sen moito espazo para o matiz. Os personaxes constrúense a partir de estereotipos e apenas se lles concede profundidade psicolóxica; a comedia, en ocasións, deslízase cara á parodia excesiva.
E así péchase o círculo. Rondallas é unha proposta con forte carácter galego, mais paradoxalmente sen o galego como lingua vehicular. Non hai escusas, esta circunstancia bota polo chan o resultado. Un proxecto ambicioso dunha produtora local, dirixido por alguén alleo ao contexto cultural profundo que retrata. Volvemos, dalgún xeito, a vellos esquemas: un cinema que aposta por unha mirada externa, sacrificando verosimilitude e honestidade cultural en favor dun maior éxito de público. Un eco distante do cinema promovido nos tempos de Manuel Fraga, onde Galicia era escenario máis que suxeito. Falamos pois dunha volta ao cinema galego de antes do 2005. Un bucle perigoso que apunta a dilapidar o período máis excelso da historia do cinema galego. A falta de política audiovisual fai que proxectos ben intencionados como este queden a medio camiño: agradable na forma, adobíos folcloristas, hábil no entretemento pero incapaces de decantarse cunha verdadeira aposta pola identidade, pola lingua e por unha mirada propia sen complexos.
En conclusión, podemos aceptar a película na súa condición de publirreportaxe, mais doe profundamente a imaxe dunha reacción social dócil, edulcorada e desactivada fronte a un feito tan brutal e dramático como un naufraxio. A memoria colectiva da Guarda conta outra historia ben distinta: en 1989, tras a traxedia do Velasco II, onde morreron 11 mariñeiros, os veciños plantáronse con moita rabia e dor diante das portas da Xunta para denunciar o abandono e o desamparo institucional. Foi unha mobilización masiva, cargada de dignidade, orgullo e solidariedade, que marcou para sempre a vila e a bisbarra. Esa capacidade de resposta combativa, militante e transformadora en Rondallas fica desactivada pola contenda musical. Todo fica anulado e agochado e incluso se emprega como xiro da trama unha vil e vergoñenta delación que desmerece y desacredita ao colectivo mariñeiro. Mágoa que as tradicionais treboadas do Baixo Miño aínda non teñan “Viva la vida” de Coldplay no seu repertorio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario