A Xunta de Galicia reforza o equipamento de diversos GES coa entrega de vehículos valorados en 700.000 euros
• O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na cesión de bombas rurais pesadas aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais con sede en Quiroga e Laza, e de bombas urbanas lixeiras estreitas aos da Guarda e O Grove
Infogauda / Galicia
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, participou hoxe na entrega de vehículos a Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Trátase de dúas bombas rurais pesadas para os GES con sede en Laza e Quiroga, e de dúas bombas urbanas lixeiras estreitas para os da Guarda e O Grove. O material suma un orzamento de case 700.000 euros, cofinanciados pola Unión Europea a través do programa Feder de Galicia.
Segundo sinalou o conselleiro, trátase de vehículos dotados de equipamento avanzado de extinción, sistemas de comunicación integrados na rede corporativa de emerxencias de Galicia e altas prestacións técnicas que teñen como obxectivo mellorar a capacidade operativa dos GES, optimizar os tempos de resposta e incrementar a seguridade do persoal e da cidadanía.
Así, as bombas rurais pesadas, valoradas cada unha delas en 198.000 euros, están deseñadas para atender incendios rurais e forestais en zonas de difícil acceso. Así, dispoñen de cisterna con capacidade para 3.000 litros, bomba contra incendios que permite o lanzamento de auga tanto con baixa como con alta presión e carrete de primeiro socorro, entre outras prestacións.
Pola súa banda, as bombas urbanas lixeiras destínanse a emerxencias en zonas urbanas, cascos históricos e rúas estreitas. Valoradas en case 150.000 euros, están dotadas con cisternas dun mínimo de 1.100 litros de capacidade e contan tamén con bomba contra incendios que permite o lanzamento de auga tanto con baixa como con alta presión e carrete de primeiro socorro.
O equipamento permitirá mellorar a eficacia das intervencións dos grupos nos concellos de Quiroga, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Ribas de Sil, na provincia de Lugo, e de Laza, Castrelo de Val, A Gudiña, A Mezquita, Riós e Sarreaus, na de Ourense. En Pontevedra, os concellos atendidos son A Guarda, Oia, O Rosal e Tomiño, por unha banda, e O Grove, Meaño, Poio e Sanxenxo, por outra.
Máis de 28M€ investidos nos últimos anos
Diego Calvo lembrou o importante esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para dotar os efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios. Nesta liña, o investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil, supera os 28 millóns de euros, dos que máis de 12 foron destinados directamente aos GES.
Ademais, segundo aclarou o conselleiro de Presidencia, o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento, pese a tratarse dunha competencia local. A maiores, lévanse investido outros 5 millóns na formación destes grupos e doutros servizos de emerxencias desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
A colaboración da Xunta garante que os GES sigan prestando servizo público en materia de emerxencias, protección civil e prevención de incendios forestais. Neste sentido, os grupos teñen competencia para intervir en incendios -tanto urbanos como forestais-, para definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e para levar a cabo prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades da cuberta vexetal. Tamén fan prevención naqueles camiños e espazos públicos que poidan ao mesmo tempo servir de cortalumes.
Asemade, realizan actuacións de prevención da avespa velutina por seguridade da poboación, tales como o control e retirada de niños, entre outras, e interveñen en situacións de risco e emerxencia para manter a rede se estradas, mediante a súa limpeza a retirada de obxectos, especialmente no caso de accidente. Tamén poden actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos.

.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario