7 de feb. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés tira de experiencia para impoñerse na Sangriña (25-20) 

O equipo baixomiñoto venceu ao Cicar Lanzarote na súa visita ao pavillón guardés deste sábado, a pesar de atoparse varias dificultades ao longo do partido 

Tras uns 10 minutos iniciais de dominio visitante, as de Ana Seabra impuxéronse con carácter e xa non volveron estar por baixo, pero non sen ter que frear varias ameazas canarias  

Protagonizaron o ataque Lorena Téllez, con sete goles, e Elena Martínez, con oito, esta última especialmente acertada desde a liña de penalti 

 

Lorena Téllez logra sobrepasar á defensa visitante e lanza á bóla sobre á porta defendida por Ana Marín
Foto. SportCoeco

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés volve tirar de experiencia e a esforzarse por sumar. As de Ana Seabra asinaron o seu décimo cuarta vitoria da tempada este sábado na Sangriña, non sen pelexar ante o pechacancelas Cicar Lanzarote que demostrou un gran nivel ao comezo e ameazou en varias ocasións con dar a volta ao encontro. Tras os dez primeiros minutos de dominio visitante, o equipo baixomiñoto impúxose no marcador para non volver caer máis, aínda que debeu frear as crecidas canarias que se aproveitaban das súas perdas de balón e franquear unha portería protexida con gran atención por Ana Marín. Téllez e Martínez foron protagonistas, con sete e oito goles respectivamente, liderando un ataque agresivo e contundente. 

 O primeiro gol chegou apenas comezar da man de Marilia Correia, seguida pola súa compañeira no equipo insular Thais Fermo. Elena Martínez foi a primeira das anfitrioas en responder ao forte inicio visitante, aínda que pronto se viron truncados os seus esforzos co terceiro gol do Cicar e cun inusual erro de Rosane Serrano desde os sete metros (1-3, min. 3). 

 Alongouse o bo inicio das canarias durante uns minutos máis, valéndose do gran traballo desde os seus extremos que conseguía aproveitarse dos ocos na defensa guardesa. Demostrou un bo nivel o pechacancelas nestes minutos iniciais, aguantando o liderado máis aló do primeiros dez minutos (4-5, min. 10). Mentres tanto, o Guardés mellorou a súa loita defensiva e afinou a coordinación no ataque, aínda que aínda con problemas para resarcirse de todo no marcador.  

 O terceiro gol de Martínez superou, por fin, un forte bloqueo lanzaroteño para asinar o empate, e dous canonazos consecutivos de Lorena Téllez despexaron por último calquera dúbida sobre a superioridade local (7-5, min. 13). Tanto que o Cicar pasou oito minutos completos sen anotar, dando espazo ás de Ana Seabra para asestar un parcial 5-0 que definía a que, a partir de entón, sería a tónica do partido. Carlos Britos solicitou parar o tempo (8-5, min. 14). 

 Á volta do breve receso, un novo tiro de Téllez alongou o parcial ao 6-0, e o Cicar por fin conseguiu romper a seca grazas a Leticia Cobo. Comezou a responder con máis regularidade de aquí en diante o cadro visitante, sen desenganchase tanto no luminoso grazas a un ataque agresivo que pillaba desprevida en moitas ocasións á defensa miñota (12-10, min. 21). Neste momento, a falta de 10 minutos para o descanso, Ana Seabra pedía o tempo morto para tratar de controlar a igualdade que o último parcial de 4-5 deixaba entrever. E aínda que apertaron os dentes as súas nos instantes finais, o rival tamén tiña algo que dicir e conseguiu frear ás anfitrioas para manter a renda de fronte ao descanso (14-12, min. 30). 

 A segunda metade do encontro inaugurouse co quinto penalti de Elena Martínez, o quinto que acertaba e que supoñía o seu sétimo gol ata o momento. O comezo desta parte confirmou a crecida guardesa, pois as anfitrioas dominaron agora sen problemas o ritmo de xogo grazas á concentración para facer fronte a unha defensa lanzaroteña aínda moi agresiva. As de Seabra encadearon un parcial 4-1 que obrigaba a Brites a solicitar un novo tempo morto e que as afastaba no luminoso (18-13, min. 38). 

 O Cicar seguiu poñendo as cousas difíciles, pero tras varias accións, o Guardés mantivo a distancia de cinco goles (20-15, min. 40). Pero quedaba moito partido por diante e todo podía cambiar, tal e como finalmente sucedeu: ocorreu entón unha seca de varios minutos por parte de ambos os equipos, pero máis acusada para as filas guardesas, pois foi o insular o primeiro conxunto en rompela.  

 E de que maneira, porque despois de sete minutos, as de Lanzarote encaixaron catro goles seguidos que deixaron ás baixomiñotas desarmadas (20-19, min. 51). Varios erros non forzados desembocaron en perdas que o rival canario aproveitou con facilidade, mentres non conseguiron as de Ana Seabra transformar pola súa banda os numerosos balóns que lograron roubar, en parte por culpa dunha Ana Marín que acumulaba xa 12 paradas baixo paus. Temendo o desastre de ceder ao Cicar a súa primeira vitoria da tempada, a adestradora baixomiñota utilizaba o seu primeiro tempo morto deste período final. 

 Reaccionou xa o Guardés á continuación, pero non sen atopar problemas. Marín seguía sendo un muro moi complicado de franquear, iso nas non moi comúns ocasións en que as filas locais conseguían penetrar a forte barreira que protexía a súa portería. Un parcial 3-1 acougaba un pouco as augas e decantaba xa o partido cara ao lado da Sangriña, a falta de cinco minutos nos que habería que pelexar por manterse por diante (23-20, min. 55). E aínda que loitou o Cicar tras o último tempo morto do seu adestrador, non puido facer nada máis ante os dous últimos goles de mans de Ania Ramos e África Sempere, que pechaban o encontro cun marcador máis folgado do que se advertiu uns minutos atrás (25-20, final).  

 O Guardés volve sumar dous puntos coa décimo cuarta vitoria da tempada, continúa na pelexa contra Rocasa e Bera Bera polo alto da táboa e diríxese a unha semana de descanso máis que merecida tras o comezo de ano.   

Mecalia Atlético Guardés (14+11): Jazmín Mendoza (1), Elena Martínez (8), Lorena Téllez (7), María Palomo (3), Blazka Hauptman, Sabina Mínguez (p.), Ania Ramos (1) [sete inicial], África Sempere (1), Cecilia Cacheda (3), Rosane Serrano, Carme Castro (1), María Sancha, Amandine Balzinc (p.) e Melina Rodríguez (p.).  

Cicar Lanzarote Ciudad de Arrecife (12+8): Mornesa Tenda (3), Rocío (1), Thais Fermo (2), Marilia Correia (2), Valheria Valdovinos (3), Celia López (2), Ana Marín (p.) [sete inicial], Ana Radovic, Leticia Cobo (3), Gema Trujillo, Irene Sánchez (p.), Carla Rivas (1) e Alba Tort (3). 

Marcador cada cinco minutos: 2-4, 4-5, 8-5, 10-8, 14-10, 14-12, 16-13, 19-14, 20-15, 20-17, 22-20, 25-20. 

Árbitros: Mikel Gayoso e Eder Gómez. Amoestaron con tarxeta amarela á local Blazka Hauptman e á visitante Marilia Correia e excluíron con dous minutos ás visitantes Celia López, Valheria Valdovinos e Rocío Squizziato. 

Incidencias: Partido de décimo oitava xornada da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón da Sangriña (A Guarda).   

Ningún comentario:

Publicar un comentario