A Xunta de Galicia e o Concello da Guarda destinarán máis de 110.000 euros para mellorar o servizo de saneamento
•Ángeles Vázquez explica que, entre as actuacións previstas, está a substitución da ponte móbil do decantador secundario da EDAR
Infogauda / A Guarda
A Xunta de Galicia e o Concello da Guarda destinarán máis de 110.000 euros á adecuación das instalacións da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da localidade co obxectivo de mellorar o servizo de saneamento que se presta á cidadanía.
Nesa liña, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez, asinaron está mañá un acordo de colaboración para deseñar e acometer as actuacións necesarias para optimizar o servizo que presta esta EDAR. Cómpre indicar que esta estación depuradora se puxo en marcha no ano 2003 e na actualidade dá servizo a varios núcleos de poboación tanto da Guarda como do concello limítrofe do Rosal. En total, atende a máis de 21.200 habitantes.
En concreto, segundo dixo Ángeles Vázquez, entre as actuacións previstas, está a substitución da ponte móbil do decantador secundario que xa está a ter un funcionamento deficiente e a súa reparación é inviable porque suporía un tempo de parada superior ao mes.
Tal e como explicou a conselleira, as competencias en materia de saneamento e depuración son municipais, pero a Xunta leva anos prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar un servizo de calidade. “Promovemos unha xestión eficiente e coordinada do saneamento para avanzar cara á mellora do estado ecolóxico das augas e dos ecosistemas asociados”, engadiu.
Para concluír, Ángeles Vázquez reiterou o compromiso do Goberno galego de apoiar ás administracións locais para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar uns servizos de calidade á veciñanza.
Este apoio ás administracións locais reflíctese tanto nas oito ordes de axudas que Augas de Galicia ten programadas para 2026 cun orzamento global asignado de 9,3 millóns de euros, o que supón un incremento do 22% con respecto ao paquete de subvencións do ano pasado.
Ademais, nos orzamentos deste ano do organismo autonómico, cunha contía global de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025), 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario