O proxecto europeo Visit Minho Plus entra nunha nova fase coa impartición de accións formativas
• Forma parte do Interreg POCTEP 2021-2027, que comprende outras iniciativas e conta cun custo total de 4,86M€, dos que Turismo de Galicia asume 1,39M€
• A iniciativa permite avanzar na profesionalización dos negocios turísticos de ambos lados do río Miño
• O mercado luso foi en 2025 o principal emisor de turistas para Galicia a nivel internacional, mentres que os Camiños Portugués e Portugués da Costa confírmanse con dúas das rutas máis transitadas
Infogauda / O Baixo Miño
A Aula CeMIT de Tui acolleu este luns a primeira das accións formativas do proxecto Visit Minho Plus. A iniciativa está centrada na mellora da competitividade de axentes e empresas turísticas do río Miño transfronteirizo, polo que se abre á participación de negocios tanto de España como de Portugal.
Para isto, lánzanse agora un programa formativo, baixo a clave de cursos de formación para a innovación e o turismo sostible. Trátase de seis actividades de formación en materias clave para o desenvolvemento turístico, entre elas o deseño de experiencias turísticas innovadoras, o marketing dixital, a internacionalización de produtos turísticos locais ou a sustentabilidade.
En total, están previstas 105 horas de formación estruturadas neses seis cursos e distribuídas en sesións de cinco horas cada unha. O modelo combina asistencia presencial -a desenvolver en Tui e Salvaterra- e en liña, con acceso a unha plataforma dixital, no que estarán todos os materiais e recursos docentes. Empregarase unha metodoloxía activa e participativa e realizarase un acompañamento personalizado, mediante titorías e visitas técnicas.
Estes cursos completan a serie de talleres realizados o pasado mes de novembro dentro da mesma iniciativa europea, cos obxectivos de promover distintos produtos -como Río Miño Navegable ou Fortalezas-, reforzar as relacións comerciais entre as comunidades transfronteirizas e promover a divulgación e comercialización de produtos autóctonos.
Cooperación transfronteiriza
O proxecto Visit Minho Plus está cofinanciado nun 75% por fondos europeos, a través do programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027. Este programa ten en marcha outros proxectos, como a Aceleradora Transfronteiriza de Proxectos Turísticos Innovadores de alto impacto, sostibles e de calidade Turislab; o Clúster Transfronteirizo de Turismo na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal CLUSTERTUR_GNP; e GERÊS_XURÉS_MAIS_SUSTENTÁVEL, que pon o foco no reforzo da sostibilidade da actividade turística na Reserva da Biosfera Transfronteiriza.
Estas iniciativas teñen un custo total de 4,86M€, dos que Turismo de Galicia asume 1,39M€. Estas iniciativas poñen de relevo a forte relación entre España e Portugal en termos de turismo. O mercado luso foi en 2025 o principal emisor de turistas a nivel internacional, segundo os datos de aloxamento hoteleiro do INE, con 309.733 viaxantes procedentes deste país. En total, en 2025 7,3M de persoas aloxáronse en establecementos hoteleiros, un 2,3% máis que en 2024.
Hai que destacar, ademais, os datos do Camiño de Santiago, con dúas rutas que transitan por esta rexión transfronteiriza. Das 530.987 Compostelas recollidas en 2025 -un 6% máis que en 2024-, 100.835 foron para persoas que realizaron o Camiño Portugués, mentres que 89.509 fixeron o Camiño Portugués da Costa -o segundo e terceiro máis transitados, só por detrás do Camiño Francés-. Precisamente este é o itinerario que máis creceu no pasado ano, experimentando un incremento do 19,74%.

Ningún comentario:
Publicar un comentario