7 de feb. de 2026

SOCIEDADE

MONCHO LEAL NO CAMIÑO DO ÉXODO DE MILES DE REFUXIADOS 

 La carretera es una fosa común y hay que avanzar 

entre los muertos 

sobre los muertos 

desde los muertos 

avanzar contra la muerte 

(...) 

«La carretera invisible» 

Raúl Quinto 


Ramón Fernández Leal (Moncho Leal) participa na X Marcha Integral La Desbandá, baixo o lema “Voces que non calan”, organizada pola Asociación Sociocultural Club Senderista La Desbandá

Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño - Louriña

 A nosa Comisión participa e colabora sempre con moitas outras asociacións memorialística en diferentes actividades. A nosa presenza solidaria en moitos actos doutras asociacións demostra o noso compromiso coa Xustiza, a Verdade e a Reparación. 

 Nesta ocasión Moncho Leal, un dos nosos socios do Rosal, participa na X Marcha Integral La Desbandá, baixo o lema “Voces que non calan”, organizada pola Asociación Sociocultural Club Senderista La Desbandá. 

 A marcha divídese en 10 etapas, que se están a desenvolver desde o 5 ao 14 de febreiro, para conseguir percorrer uns 200 km ao longo dunha estrada estreita e tortuosa que en 1937 colleron miles de civís e milicianos fieis á República (falan de máis de 150.000) trala toma da cidade de Málaga para fuxiren do exército fascista. 

 Esta estrada que vai  polo bordo da costa no é unha estrada calquera, é unha ratoeira pois non hai cara a onde fuxir. Por un lado está o mar e, por outro, escarpados taludes dos montes desa costa, desde onde disparaban os francotiradores italianos pertencentes aos camisas negras. En febreiro de 1937 a longa columna de fuxidos foi bombardeada desde barcos e avións. En total fálase de entre 3500 a 6.000 mortes. 

 Desde 2004 voces concienciadas comezaron a rachar co silencio  sobre este masacre, un dos maiores crimes do guerra civil. En 2005 levantaron un monumento en Torre del Mar. Agora alí todos os febreiros realizan unha ofrenda floral en lembranza das vítimas, ofrenda que, desde 2007, cadra tamén coa chegada da Marcha-Homenaje a las Víctimas de la Ctra. Málaga-Almería. 

 Unha das vítimas que non podemos esquecer pola súa valentía é Anselmo Antonio Vilar García, nacido en Castro de Rei (Lugo). Este fareiro  non acendeu a luz do faro de Torre del Mar durante dúas noites, e axudou así no medio da escuridade a salvar a vida de moitas persoas que estaban sendo metralladas e bombardeadas polas tropas fascistas.  

 En lembranza das persoas desprazadas por causa do golpe de Estado do 36, e de todos e todas as desprazados-as e refuxiados-as en calquera outro conflito: 

 «Dejaron sus cosas apenas y apenas cargaron con un hatillo lleno de arena de playa».  (Raúl Quinto)

Ningún comentario:

Publicar un comentario