3 de feb. de 2026

O PORRIÑO

O PSOE do Porriño denuncia que o bloqueo dun acordo en Maderas Fiber empurra a 70 familias ao endebedamento 

•  Trátase de traballadores, na súa maioría de entre 50-60 anos, con difícil inserción laboral e coas prestacións por desemprego esgotadas que agardan desesperados unha solución definitiva a esta situación precaria


Os integrantes do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de O Porriño mantiveron unha reunión cos representantes sindicais da antiga Maderas Fiber (ex Faurecia Porriño)
Foto: GMS O Porriño

Infogauda / O Porriño 

 No día de hoxe, martes, 3 de febreiro de 2026, o PSdeG-PSOE de O Porriño, enviou á Redacción deste xornal dixital transfronteirizo á seguinte nota de prensa, que reproducimos literalmente: 

 "O PSdeG-PSOE de O Porriño fai pública esta valoración tras a reunión mantida cos representantes sindicais da antiga Maderas Fiber (ex Faurecia Porriño), na que se confirmou unha situación social grave que afecta directamente a decenas de familias do municipio. 

 Tras o peche da empresa, existe un acordo de indemnizacións xa pactado entre todas as partes implicadas —empresa, representación sindical, administración concursal e FOGASA— que afecta a 103 traballadores e traballadoras. Porén, ese acordo segue sen executarse porque falta un último trámite legal: a súa validación xudicial definitiva. Ata que ese paso non se complete, FOGASA non pode realizar os pagamentos, a pesar de que o acordo xa está pechado. 

 Segundo trasladaron os representantes sindicais, máis de 70 persoas despedidas no marco do procedemento concursal xa esgotaron as prestacións por desemprego e carecen de ingresos regulares. Moitas delas, especialmente maiores de 55 ou 60 anos, teñen enormes dificultades para volver ao mercado laboral e víronse obrigadas a recorrer a préstamos persoais para afrontar gastos básicos como a vivenda, a alimentación ou as subministracións". 

 Este trámite atópase pendente no Tribunal Superior de Xustiza, agardando se resolva o recurso e súplica presentado por un un grupo de 32 persoas readmitidas por sentenza firme que contan con ingresos garantidos e compensacións recoñecidas xudicialmente. Sen cuestionar eses dereitos, desde o PSdeG-PSOE de O Porriño advertimos de que esta situación está a provocar unha desigualdade material evidente: mentres un colectivo mantén ingresos, a maioría da ex plantilla agarda sen cobrar nada nin recibir compensación polo tempo de espera, asumindo en solitario os custos económicos do atraso. 

 Desde o PSdeG-PSOE de O Porriño consideramos que esta situación non pode prolongarse máis no tempo. Por unha banda, reclamamos que se axilice con carácter urxente a resolución xudicial pendente para facer efectivo o acordo de indemnizacións. Por outra, instamos á Xunta de Galicia a que poña en marcha axudas extraordinarias e temporais dirixidas ás persoas traballadoras sen ingresos, mentres non se produza o pagamento, co obxectivo de evitar máis endebedamento e situacións de necesidade. 

 Non falamos de privilexios nin de favores. Falamos de familias con dereitos recoñecidos que levan meses sen ingresos por unha causa allea á súa vontade. Cando un atraso administrativo empurra a persoas traballadoras ao endebedamento, as administracións teñen a obriga de actuar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario