2 de feb. de 2026

O MORRAZO / O CONDADO

Continúan os peches en centros educativos para visibilizar as demandas do profesorado 

  Promovidos pola CIG e o STEG, continúan este mércores 4 no IES de Rodeira, de Cangas, e o xoves 5 no IES Val do Tea, de Ponteareas 

Cangas / Ponteareas 

 A CIG-Ensino e o STEG continúa esta semana en Cangas e Ponteareas cos peches rotatorios en distintos centros educativos de todo o país para visibilizar as demandas do profesorado en colexios e institutos.  Despois do enterro simbólico do ensino público galego realizado en Compostela a finais do primeiro trimestre, o conflito laboral que mantén o profesorado coa Consellaría de Educación entra noutra fase na que as organizacións convocantes das mobilizacións pretenden “resucitalo” tamén simbolicamente. “Ao igual que no día a día é o persoal docente o que mantén vivo o ensino público malia a súa situación agonizante, as accións que se están a desenvolver antes do Entroido van na liña de facerlle ver a toda a sociedade, fundamentalmente á máis afectada polos recortes, alumnado e profesorado, que estamos a tempo de revivilo unindo as nosas demandas e mantendo a tensión fronte á Consellaría”. 

 A primeira das medidas “para descentralizar aínda máis o conflito” son peches rotatorios a partir das 18:00 horas nos propios centros de ensino. Desenvólvense os martes, mércores e xoves dende o martes 27 de febreiro até o xoves 5 de febreiro en centros de Vigo, Cangas, Ponteareas, A Coruña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte, Viveiro, Compostela, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín, Ourense e Rianxo. 

 Trátase dunha medida para chamar a atención e visibilizar diante das familias e do alumnado as consecuencias da política de recortes da Consellaría e explicar que as demandas do profesorado son as de toda a comunidade educativa. Os peches dan comezo a media tarde para facilitar a participación da maior xente posíbel e neles prevese realizar asembleas abertas, elaborar material reivindicativo para colgar nos centros e debater sobre futuras accións a levar a cabo. Á mañá seguinte desenvólvese unha acción informativa na entrada ás aulas para trasladar as principais reclamacións do colectivo en materia de atención á diversidade, redución de ratios, recuperación do horario lectivo, impartición de afíns, falta de desdobres ou reforma da FP.   

CALENDARIO DE PECHES NA ÁREA DE VIGO:  

MÉRCORES 4 DE FEBREIRO 

Cangas: IES de Rodeira 

Avenida de Ourense, s/nº  

XOVES 5 DE FEBREIRO 

Ponteareas: IES Val do Tea 

Rúa Feliciano Barrera, 15

Ningún comentario:

Publicar un comentario