O financiamento europeo apoia a preparación da candidatura do río Miño á Reserva da Biosfera
Lara Rodríguez / O Baixo Miño
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Rio Minho ten en fase de aprobación a candidatura ECOFRONT_MINHO, que constitúe o primeiro paso na preparación da candidatura á Reserva da Biosfera Transfronteiriza da UNESCO.
O proxecto, que representa un investimento superior aos 900.000 euros, cun cofinanciamento do 75 % a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa de Cooperación Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027, ten como obxectivo promover estratexias conxuntas para a coordinación das infraestruturas verdes e a protección dos ecosistemas do río Miño transfronteirizo, creando as condicións necesarias para a futura presentación da candidatura á UNESCO.
“Estamos nun territorio compartido que esixe decisións conxuntas e ambición compartida, preparando o camiño para a Reserva da Biosfera”, subliña José Manuel Vaz Carpinteira, director da AECT Río Minho, engadindo que este proxecto “xorde da vontade dos actores do territorio, que recoñeceron no río Miño un patrimonio común que cómpre protexer e valorizar”.
O traballo previsto baséase no desenvolvemento de instrumentos de coñecemento, planificación e coordinación, complementados con accións de sensibilización e capacitación, cun impacto directo na protección ambiental, na posta en valor do patrimonio natural e na implicación das comunidades locais.
A candidatura é desenvolvida pola AECT Río Miño, como beneficiario principal, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, ADRIMINHO, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal, a Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta – Terra e Auga e Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste Eu Rural. A Xunta de Galicia – Dirección Xeral de Patrimonio Natural participa como entidade socia asociada.
Co proxecto ECOFRONT_MINHO, a AECT Rio Minho reforza o seu papel na promoción dunha xestión integrada, sostible e compartida do territorio transfronteirizo, consolidando o camiño cara ao recoñecemento internacional do río Miño como Reserva da Biosfera.

Ningún comentario:
Publicar un comentario