28 de feb. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés remonta e volve sumar en Valladolid (24-26) 

O equipo baixomiñoto fíxose coa vitoria este sábado en Huerta del Rey grazas a unha remontada completada nos minutos finais, despois de perder por distancias mínimas durante a maioría do encontro 

A afinación do ataque e a limitación dos erros foron a clave para recuperarse dun partido marcado polas perdas de balón e o desacerto ante a portería de Carratú (19 paradas) 

María Sancha, con sete goles, e Rosane Serrano, con seis e 5/5 desde os sete metros, foron clave na operación remontada. Balzinc deixou oito paradas cruciais 


María Sancha lanzando á bóla sobre á porta local

Foto:   Valentín G. de Garibay

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés resarciuse en Huerta del Rey. As de Ana Seabra asinaron este sábado unha vitoria traballadísima na pista da Aula Valladolid, obtida grazas á insistencia e a afinación nos minutos finais despois de ir a remolque das anfitrioas durante a maioría do encontro. As numerosas perdas e a defensa da portería de Marisol Carratú, con 19 paradas, lastraron o partido das guardesas ata que o ataque espertou nos minutos finais para materializar os dous puntos. María Sancha, con sete goles e roubos cruciais, e Rosane Serrano, con seis acertos e un 100% dos seus cinco penaltis, lideraron o ataque; mentres Balzinc deixou oito paradas que tamén achegaron. 

 Comezou anotando o Guardés cun gol da man de Lorena Téllez pouco antes de marcar o segundo minuto. Elena Martínez continuou o camiño intre despois e empezou a animarse o ritmo do partido, coa réplica inmediata da moza aulense Nerea Patiño seguida por un contragol rapidísimo de Ania Ramos que empezaba a definir xa a dinámica no marcador (1-3, min. 5). 

 O Mecalia ofrecía un ataque bastante atento e era capaz de aproveitar erros e inferioridades rivais. Pero persistían aínda certos erros, como perdas de balón e ocos defensivos que foron responsables de que a Aula completase un parcial 4-2 para empatar a contenda (5-5, min. 10). Apertaron as locais para non quedar atrás, e conseguiron dar a volta ao partido para lograr un xogo moito máis igualado. Levantadas por unha Marisol Carratú especialmente certeira baixo paus, as de Valladolid pecharon filas e tomaron a dianteira do encontro, forzando a Ana Seabra a solicitar o tempo morto co marcador en renda mínima pouco despois do ecuador da primeira parte (9-8, min. 16).  

 Nada máis renovarse o xogo, Cecilia Cacheda sufriu unha forte caída de fronte que lle ocasionou un sangrado forte polo que tivo que ser atendida polo equipo médico local. Unha exclusión de Savina Bergara deixou ao anfitrión algo bloqueado, e foi Puig quen solicitou parar o tempo entón tras varios minutos sen cambios no resultado (9-8, min. 19).  

 Aínda que recuperou algo o ritmo o Mecalia grazas a varias imprecisións locais e ameazaba con volver liderar o xogo, encadeando empate con empate. Pero o muro de Carratú, ou máis ben un desacerto no lanzamento bastante acusado, comezaba a ser un obstáculo importante á hora de transformar case todas as ocasións, que as había. Chegou a poñerse a dous de nova a Aula (12-10, min. 24), e o Guardés debía encarar agora cinco minutos previos ao descanso limitando erros para encamiñar a segunda parte cara a un ritmo máis controlado.  

 E así foi, da man dun brillante parcial 0-3 traballado e obtido a pesar da inferioridade xerada pola exclusión de Ana Seabra por protestar unha decisión arbitral. A primeira parte pechouse, con todo, co enésimo empate por parte de Angela Zurni, do Valladolid, aínda que sen desmerecer o crecemento dun equipo baixomiñoto que loitaba por meterse no partido. 

 A segunda metade, con todo, mostraba a mesma dinámica nos seus primeiros minutos. Carratú alcanzaba xa as 13 paradas e seguía supoñendo un freo importante para un Guardés que aínda necesitaba facer axustes importantes en defensa se de verdade quería os dous puntos. Como consecuencia, volveu poñerse a dous unha Aula que continuaba, pola súa banda, moi atento ao ataque e ofrecendo unha defensa que poñía as cousas moi complicadas. Ana Seabra volvía parar o xogo (18-16, min. 38). 

 E produciron efecto as palabras da adestradora, pois ao reinicio chegou o terceiro gol consecutivo de María Sancha, seguido por dous roubos de balón ás anfitrioas que deixaban entrever unha defensa xa máis afinada. O primeiro deles transformouno Rosane Serrane e materializou o empate, pero a gardameta arxentina frustrou o segundo, e con el, a primeira opción de poñerse por diante das guardesas en varios minutos (18-18, min. 41). O adestrador valisoletano víase vir a clásica crecida baixomiñota e utilizou o seu segundo tempo morto para freala. 

 E funcionou de novo a parada do crono, pois as locais reaccionaron cun parcial 3-0 que era toda unha declaración de intencións. O partido íase agora a un +3 que o curto cadro de persoal guardés, privada agora tamén de Cacheda, non lograba superar (21-19, min. 44). 

 Pero a capitá Sancha fixo da remontada a súa misión e liderou o ataque con varios roubos de balón consecutivos e provocación de exclusión incluída, que conseguiron debilitar a un perigoso ataque a sete aulense cun parcial 0-2 que as mantiña no partido. Monteagudo respondeu pero o Guardés tivo a última palabra con outro 0-3 que agora si, por fin, poñíao por diante para os catro minutos restantes (23-24, min. 56).  

 O partido xogouse agora nas liñas de penalti, con Serrano estendendo a renda galega e Monteagudo respondendo para reducila ao mínimo de novo. Ese sería o último gol dunha Aula que, a pesar do gran desempeño demostrado ao longo dos 60 minutos, non puido resarcirse nos dous últimos para rascar polo menos un punto. O último acerto de Hauptman desde o extremo selaba a traballada vitoria guardesa e Balzinc pechaba a acta coa súa oitava parada (24-26, final). O Mecalia volve así á senda da vitoria e recupera forzas con dous puntos vitais para irse ao parón pensando en repetir a faena na maratón de partidos ligueiros e europeos que lle esperan á volta.   

Caja Rural Aula Valladolid (13+11): Nerea Patiño (3), Mónica Gutiérrez (2), Inoa Lucio (3), Menchu Sanz (p.), Angela Zurni (1), Jimena Arriaga, Kadidiatou Jallow (2), Sandra Monteagudo (8), Clara Gutiérrez, Savina Bergara (3), Alejandra Alonso, Amaia González de Garibay, Polina Gorbatsjova (2), Marisol Carratú (p.) e María Guerra. 

Mecalia Atlético Guardés (13+13): Sabina Mínguez (p.), África Sempere (1), Jazmín Mendoza (1), Blazka Hauptman (1), Lorena Téllez (4), Ceci Cacheda, María Palomo, Rosane Serrano (6), Elena Martínez (3), Carme Castro (1), María Sancha (7), Ania Ramos e Amandine Balzinc (p.). 

Marcador cada cinco minutos: 1-2, 5-5, 8-7, 9-8, 12-10, 13-13, 15-14, 18-17, 21-19, 22-19, 23-22, 24-26.  

Árbitros: David Montes e Armando Pérez. Amoestaron con tarxeta amarela ao visitante Willian Ferrari (segundo adestrador) e excluíron con dous minutos ás locais Savina Bergara (2), Sandra Monteagudo e Nerea Patiño e ás visitantes María Palomo (2) e Ana Seabra (adestradora). 

Incidencias: Partido de vixésimo primeira xornada da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no polideportivo Huerta del Rey (Valladolid). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario