A Xunta de Galicia colabora coa Fundación Rosalía de Castro para conmemorar a data de nacemento da poeta con música, lecturas e degustacións do 'Caldo de gloria'
• Os festexos do 23 de febreiro terán lugar en Santiago de Compostela, Padrón e na mesma Casa Museo dedicada a autora galega máis universal
Infogauda / Padrón (A Coruña)
A Xunta de Galicia colabora coa Fundación Rosalía de Castro para as actividades conmemorativos do Día do nacemento da poeta, o 23 de febreiro, que abranguen actuacións musicais, lecturas públicas do seus poemas, degustacións do coñecido como Caldo de gloria e o acto institucional central no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres.
“Trátase dunha celebración colectiva, das institucións e da cidadanía porque se hai unha poeta do pobo, que nos une a todos ao redor da súa obra, figura e valores, esta é Rosalía”, aseverou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, no acto de presentación do programa de actividades xunto co presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a importancia de homenaxear e lembrar “á nosa poeta máis universal que supón, ademais, un dos principais símbolos da nosa identidade”. Nesta liña, subliñou que “a Galicia que hoxe coñecemos non sería posible sen o legado que nos deixou a autora de Cantares gallegos”. Por este motivo, convidou a todas as galegas e galegos “a sumarse a esta data e gozar da herdanza dunha das principais embaixadoras da nosa cultura”.
Deste xeito, tal e como adiantou Valentín García, a programación que se impulsa en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro incluirá, como cada ano, actividades repartidas entre Santiago de Compostela e Padrón, lugares de nacemento e pasamento da homenaxeada, respectivamente.
Actividades en Padrón, Santiago e Casa Museo de Rosalía
En concreto, a celebración comezará en Padrón, ás 10,00 horas, cunha cerimonia de homenaxe ante estatua da escritora no Espolón. Ademais, contarase, como nos últimos seis anos anteriores, coa representación da Alborada a Rosalía, neste caso a cargo da agrupación de música tradicional Carapaus, que interpretará a peza musical escrita pola propia poeta. De igual xeito, nesta localidade haberá lectura de poemas por parte do alumnado dos Institutos Camilo José Cela e do Macías o Namorado, pertencentes a este municipio coruñés.
En Santiago de Compostela tamén soará a Alborada de Rosalía que acompañará a ofrenda floral, ás 11,00 horas, ante a súa estatua, que está situada na praza de Vigo. A continuación, ás 12,00 horas, terá lugar o acto institucional no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres, no que se celebrará unha lectura de poemas rosalianos e unha actuación musical da cantora Uxía xunto co intérprete andaluz Javier Ruibal.
Completará esta xornada de festexos, a degustación na mesa Casa-Museo de Rosalía do coñecido como Caldo de gloria, que está baseado no poema Miña casiña, meu lar, da publicación Follas Novas, no que a poeta explica como facer este prato. Nesta ocasión, a preparación correrá a cargo do cociñeiro Iago Pazos. O actos de conmemoración do aniversario rematarán cunha nova actuación de musical de Uxía & Javier Ruibal, acompañados á guitarra por Marcos Teira, para musicar tanto a Rosalía como ao granadino Federico García Lorca, un admirador da obra da poeta galega.

Ningún comentario:
Publicar un comentario