11 de feb. de 2026

COVELO

A Xunta de Galicia inviste 20.000 € na mellora estética e conservación do lavadoiro dos Condes, en Covelo 

 Os particulares que se acollan á actual convocatoria poderán recibir ata 3.000 euros

 O delegado territorial destacou que as axudas para a corrección de impactos paisaxísticos tamén permitiron actuar en elementos dos concellos de Dozón, Caldas de Reis e Meis


Os traballos, que foron posibles grazas a unha achega de 20.000 euros, consistiron na mellora da cuberta do lavadoiro, na limpeza da contorna e na restauración dos elementos que se topaban deteriorados polo paso do tempo
Foto: X.G.

Infogauda / Covelo 

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado dos traballos levados a cabo no Lavadoiro dos Condes, no concello de Covelo, que foi un dos beneficiados polas axudas da Xunta para a corrección de impactos paisaxísticos do ano pasado e lembrou que a convocatoria deste ano segue aberta para particulares.  

 Os traballos, que foron posibles grazas a unha achega de 20.000 euros, consistiron na mellora da cuberta do lavadoiro, na limpeza da contorna e na restauración dos elementos que se topaban deteriorados polo paso do tempo.  

 Así, a actuación permitiu conservar boa parte elementos orixinais do conxunto, respectando a fonte e a súa contorna, ao tempo que se levou a cabo unha mellora integral da súa estética e as súas condicións de uso e conservación.  

 Reguera lembrou na visita que esta orde permitiu a mellora e conservación de elementos noutros concellos da provincia de Pontevedra, como a Biblioteca e Auditorio Municipal de Caldas de Reis; o Lavadoiro do Mosteiro e o local Social-Cultural de Saa, en Dozón; ou a Escola de Vilanoviña, en Meis.  

Detalles da actual convocatoria 

 Os particulares que se acollan á actual convocatoria poderán recibir ata 3.000 euros para actuar sobre fachadas (o tipo de actuación máis solicitada), cubertas ou muros de peche. Tamén financiará a retirada de elementos adxacentes aos bens nos que se vaia intervir cando prexudiquen a súa imaxe ou causen algún tipo de impacto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario