3 de feb. de 2026

BUEU

A falta de persoal provoca a acumulación duns 10.000 envíos na oficina de Correos de Bueu

•  O persoal convoca unha nova mobilización este mércores día 4 ás 13:30h 

Infogauda / Bueu

 As persoas traballadoras oficina de reparto de Correos en Bueu, apoiadas pola CIG, convocan unha nova concentración este mércores día 4 as 13.30 horas na rúa Pazos Fontenla, 48, para denunciar a situación que están a padecer por falta de persoal. 

 Tal e como denunciaron hai preto dun mes, cando máis de 15.000 envíos estaban amoreados no centro de traballo e Correos deixou só dous efectivos na unidade para efectuar o reparto de todo o concello. 

 A día de hoxe, a pesares de terse incorporado os dous traballadores que estaban gozando de permisos, a falta de persoal segue causando estragos, é son máis de 10.000 envíos os acumulados na unidade, co prexuízo que supón para a veciñanza da localidade, “que está a recibir as comunicacións cos prazos vencidos e perdendo incluso citas médicas ao chegárenlles as notificacións con posterioridade”. 

 Dende a central sindical lamentan a desidia dos responsábeis do servizo público postal diante da acumulación de envíos pendentes de saír a reparto, “recaendo sobre os compañeiros/as que están neste intre na oficina toda a responsabilidade e a sobrecarga de traballo”. 

 Lembran que a día de hoxe todo o casco urbano da vila carece de carteiro titular, o mesmo que os lugares da Carrasqueira, Ramorta, Achadiza, Cabalo, Ruanova de Abaixo, Ruanova de Arriba, Costa de Figueirón ou Praia de Beluso. “Estas zonas están encadradas nas tres vacantes que hai na oficina tras as sucesivas xubilacións que se foron encadeando sen que Correos repuxese o persoal necesario”. 

 Precisamente este luns día 2 o pleno municipal de Bueu aprobou por unanimidade unha moción para instar a Correos á mellora do servizo e na defensa do servizo postal público. “Ademais, todos os grupos parlamentarios amosaron o seu apoio ao persoal da unidade de reparto e trasladaron a súa intención de apoiar as mobilizacións”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario