28 de feb. de 2026

BAIONA

Alfonso Rueda destaca a Festa da Arribada como un referente da "Galicia Calidade" que coida a súa historia e a transforma nun motor turístico 

 Agradece tanto a comerciantes e asociacións culturais como á veciñanza de Baiona a súa implicación para que a celebración se converta cada ano nun atractivo para locais e visitantes

  Puxo en valor o auxe do Camiño Portugués da Costa que o pasado ano medrou un 20% e xa representa o 17% do total de peregrinos


O presidente da Xunta participou no 30 aniversario desta celebración, declarada de Interese Turístico Internacional de Galicia
Foto: X. G.

Infogauda / Baiona

 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou hoxe a Festa da Arribada en Baiona, onde destacou que esta cita, que cumpre o seu 30 aniversario, é o mellor exemplo de como Galicia sabe coidar a súa historia e transformala nun motor de proxección exterior. “Estamos nun dos concellos referentes en turismo na comunidade, unha mostra da Galicia Calidade que estamos reivindicado outra vez”, afirmou.  

 Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego puxo en valor o fito histórico ocorrido hai 533 anos, cando a carabela La Pinta chegou ao porto baionés converténdoo no primeiro lugar de Europa en coñecer a existencia do Novo Mundo. Así, quixo agradecer tanto a comerciantes e asociacións culturais como á veciñanza de Baiona a súa implicación para que a celebración se converta cada ano nun atractivo para locais e  visitantes.  

 A Arribada reúne cada ano a máis de 200.000, contribuíndo á desestacionalización turística da Comunidade e consolidándose como “o turismo do futuro que nos representa a todos”.  

 O presidente puxo en valor o auxe do Camiño Portugués da Costa que en 2025 medrou un 20% e xa representa o 17% do total de peregrinos, moitos dos cales coinciden estes días cos traxes medievais e a ambientación histórica da vila. “Abrimos os brazos a todo o que queira vir, aquí non sobra ninguén”, finalizou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario